jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Unha piscina fregou

O PRIMEIRO QUE facían os novos ricos da costa lucense era invitar a toda a barra a un viño e facerse unha piscina.

Despois, polo que dirán, levantaban un chalet cunha inútil escaleira exterior. Cando un vive enriba do mar non ten sentido cavar unha piscina para bañarse  A auga das piscinas require o dobre de esforzo para nadar e cheira a recén fregado.

Nunca comprendín ese interese pola piscina, nin sequera pola fluvial; pero Lugo leva unha década esperando pola súa. Leo nun wathsapp de cercanía e agarimo que manda o Partido Popular que Álvaro Santos ten que pagarlle máis de 235.000 euros a José Tomé porque o Concello non executou unha piscina no Miño lugués. O interior da provincia debe ter os seus bañistas; é exótico.

Crieime sobre o Cantábrico. A nada que dabas un par de pasos tiñas os pés mollados. Na Mariña non aprendemos a nadar. Un día botámonos a correr pola praia cara ás ondas e, cando nos damos conta, somos Johnny Weissmüller, o campión de natación que encarnou a Tarzán con aquela melena curta valleinclanesca. Cando Antón de Foz, que vivía en Ribadeo, tiña un fillo baixábao ao muelle de Porcillán e sumerxíao na auga agarrándoo por un pé coma fixo o pai de Aquiles, o rei Peleo. Deixaba sen protexer o talón.

Eu adentreime con cinco anos na praia da Rapadoira, en Foz, e, para cando fixen pé, estaba na praia do Altar, en Barreiros. Non se me asusten, o Mar de Foz foi desbravado por San Gonzalo en combate desigual e vitorioso contra os viquingos. Camilo José Cela levaba sempre no chaleque do traxe unha castaña herdada. O pai, que traballara en Correos de Foz, recolleuna na Rapadoira. Ao recibir o froito tras a morte paterna, a Camilo caeulle. Fendeuse. Fixo un anel de ouro para unir o seu talón de Aquiles.

Unha piscina fregou
Comentarios