Opinión

O touro laranxa do Cereixal

O touro de Osborne paréceme unha catedral da publicidade. Os touros, o coñac e Bertín parécenme tres asuntos que deberíamos ter deixado atrás. Nos anos 70 atopaban un encaixe nunha sociedade entusiasmada coas antiguedades

O animal do brandi paréceme catalogable como escultura, mesmo como publicidade muda que non precisa dicir o seu nome.

Unha vez entrevistei a Bertín Osborne porque ía actuar no Gustavo Freire de Lugo xunto a Arévalo. O seu ton era dunha cercanía e unha broma que eu nin lle pedira nin quería. "Señor Osborne, he intentado documentarme sobre su espectáculo, pero no he encontrado nada.¿En qué consiste?" "Bueno, amigo. Ja, ja. Es un cachondeíto". "¿A qué se refiere?" "Sí, hombre. Subimos al escenario y vamos improvisando". "¡Ah!".

Pero o touro de Osborne xa o vía de neno, no eterno retorno de Nadal a Bilbao. Sorprendíame  nunha beira da estrada, sobre un outeiro. Monumental, sobrio. É un símbolo que para algúns representa a España do coñac e os bertíns. Teño respecto pola ideoloxía  que cada un imaxine sobre unha estrutura con chapas negras de metal, pero non comprendo que a ninguén lle poida molestar ata o punto de coller unha escaleira e uns botes de pintura para alterala. Hai 14 anos que pintaron de rosa o touro de Osborne que hai na Nacional VI á altura do Cereixal. Agora apareceu de laranxa, pero pintado ata unha certa altura porque a escaleira era insuficiente.

Hai quen confunde as súas suposicións e a realidade. O actor de Riotorto Luís Iglesia contábame unha vez que o parou un home con chaqueta granate e unha calva canosa. Abrazóuselle chorando. Dicíalle unhas palabras de consolo. Luís non entendía. "Eu ben sei que vostede é un narco, pero aínda así ten que ser moi duro que che morra un fillo tan novo".

Comentarios