Opinión

Seres de luz

Un plafón da sala caeu no chan. O plafón é a carcasa da lámpada. Estaba cambiando unha bombilla. Escapoume entre as mans coma un bitcoin. 

Fomos comprar outro plafón. Era un modelo tan antigo que non atopamos un xemelgo no criadeiro de lámpadas.

Gústanme as tendas de iluminación. Miras para arriba e daste conta de que paseas a uns metros da bóveda celeste nunha noite estrelecida. De neno imaxinaba o Limbo dos Xustos como unha tenda de lámpadas. O limbo é o departamento onde van as almas honradas sen bautizar. Están limpas, pero levan tatuado na pel o Pecado Orixinal. Onte descubrín que o limbo non é lugar ao que se poida chegar co Google Maps, ser ser ignorado pola sociedade.

O Ministerio de Sanidade anunciou que vacinará a maiores de 60 anos e a persoas entre os 45 e os 55 anos. Supuxen que era un erro. Confirmei que non. Fíxenme a idea de que Carolina Darias pensaba que un pasaba dos 55 anos aos 60 nun salto na carreira tola por xubilarse, pero é o grupo de idade ao que ela pertence. A ministra debe de pensar que nestes cinco anos somos seres de luz que non enfermamos.

En Lugo o exedil Daniel Piñeiro apuntara mal no recordatorio do móbil o día de renovar a concesión da auga que se subministraba á Fábrica da Luz. Agora os contribuíntes imos pagar a escote 2,4 millóns para que o Concello indemnice á concesionaria. Adega xa anunciara que a fábrica ía ser ruinosa para a cidade cando se opuxera a ela. Tiña razón sen pretendelo.

A parte positiva é que disporemos doutro local público. Lara Méndez apunta que o uso será decidido por partipación cidadá, que é un xeito de colectivizar ideas e xestión. Acordo de Lope: "Llamé mi luz a la tiniebla oscura".

Comentarios