Opinión

Saúdame sempre

Pablo Villapol sabe dar un segundo uso á munición. Entrevistou a Elena Candia neste xornal. Preguntoulle pola distancia co alcalde de Friol. Eu xa vía esa bala como casquillo. Candia coñece a Santa Escolástica que está na igrexa mindoniense dos Remedios. Deu a Pablo unha resposta o suficientemente longa como para non contestarlle. 

Non negou a intención de seguir liderando o PP provincial. O partido está contento con ela unha vez que Balseiro foi ascendido ao limbo franciscano do Hórreo por idade, costumes e vehemencia. En Santiago gusta outro perfil. Jaime Castiñeira podería ter respondido se chega entender que para ir dende a sede do partido ao despacho da alcaldía hai que camiñar cun cuarto de hora de marxe para saudar ao cidadán. Ben advertía o mestre da escolástica Santo Tomé de Aquino que "quen ama coida a palabra". 

Hai moitos lucenses que non lembran as moitas obras que promoveu Orozco, pero ninguén esqueceu o interese co que lle falaba. Unha vez explicoume que, se ía a un edificio, non usaba o ascensor: "Podes atoparte moitos veciños polas escaleiras". 

Nunca vas gañar unhas eleccións en Lugo se non trasloces concordia. A cidade valora a súa dimensión humana. Ramón Carballo é intensamente cordial cando o coñeces, pero non debería botar a partida sempre no mesmo bar. Hai que cambiar de baralla. Fálanme no Gadis de que Javier Arias será a próxima foto. Ten a discrección que busca San Caetano, pero é fillo do seu pai. 

Fun comprar o pan. Cadroume co exconcelleiro Ramón González. El teme que o PP nunca gañe as locais se non dobrega a imaxe de agrupación electoral de familias. Ramón leva dende marzo na casa, pero ten dous instrumentos poderosos en política: un teléfono e unha axenda. Sabe do que fala.

Comentarios