Opinión

Quérense en Baamonde

Cando pasamos de simios a humanos movíanos a ética das hienas e o compromiso dos voitres. Asustabamos outros carroñeiros para apartalos dos cervos mortos.

Tardamos milenios en distinguirnos dos osos. Matamos lobos para quitarlles a pel e cazar coma eles. O oso pareceunos un xigante pardo e voraz ata que descubrimos que era o liñal de carne dun supermercado. Outra vantaxe de matalo foi okuparlle a caverna. Sobrevivimos entre sangue e barro. O espanto noturno facíanos tremer coma estrelas. Acabamos agrupados en vilas e cidades. Presumimos que son o noso hábitat natural.

A anpa de Baamonde e asociación Montenegro desfilaron nun enterro da vida rural. "Querémonos en Baamonde". O Concello planea levar o seu colexio a Begonte. Non romantizo o campo. É bonito e duro. Fun neno nas aforas de Ribadeo. Odiaba o gando de Aladino. El muxía voando nunha unha alfombra máxica, pero conducía as súas vacas aparatosas polo medio dos nosos intensisímos partidos de fútbol.

Cheguei ao instituto en 1979. Puxéronos unha enquisa no pupitre. "Tes luz na casa?". Non entendín a pregunta. "Na casa hai 125 watios". Nas treboadas as bombillas pedían a extrema unción. O ceo cruxía. Parecía caer en bloques de xeo. "San Pedro está xogando aos bolos", lamentaba a miña nai. O meu pai, fedatario da ciencia, respondía: "Itziar, hai un pararraios na Torre dos Moreno". Había quen nin iso e estudaba cunha vela.

María José Gómez fala de que a segunda ondada da pandemia deixou 37 empadroados en Guntín. Benigno Gómez Tadín destaca que en Cervantes asentan rapaces de Barcelona. O meu perruqueiro de cabeceira, Antonio, conta que este setembro os maiores fixeron leña para quentar a casa natal. As fontes volverán manar na primavera, uns milenios máis tarde.

Comentarios