Opinión

O corvo avariado

Saín pasear confiando en que o sol daría a cara á altura das Termas, na parte na que a Lugo se afirma nuns outeiros notables.
Preto das Termas
photo_camera Preto das Termas

Para cando me acheguei ao centro comercial o Astro Rei continuaba comportándose con esa actitude taimada e discreta que é tradición nos Hasburgo. O lema da casa austríaca é  Deixa que otros fagan guerras; ti, feliz Austria, casa.


Dei un paseo polas Termas e, ao saír, sentín a buguina dun coche. Como era estranamente cedo non había cidadáns nin automóbiles ao redor. Pensei que me soaba un aviso de Twitch. Descargara a aplicación na noite máis antiga do ano 2020 para seguir as badaladas que tanguía o príncipe audiovisual Ibai Llanos. Pero o móbil seguía durmindo.


Mirei para o oeste; mirei para o leste, ata case a altura de Becerreá. Nada. A bucina non calaba. Ao cabo descubrín no pico dunha farola un corvo pousado. Soaba coma un coche avariado. Pareceume que era un dos sete paxaros negros que deben estar sempre na Torre de Londres. A lenda asegura que, de faltar un, a monarquía desaparece. Lin despois que os corvos están anillados e teñen as ás recurtadas. Unicamente poden voar en breve.


Os Borbóns deberían inventar unha lenda para manterse no trono. O argumento actual é a estabilidade que achega o rei a España ao situarse a uns metros de altura sobre o rebumbio político. Empeza a quedar coxo dunha perna. A metade do electorado non recoñece esa función arbitral.


A renovación da monarquía debe facerse elevándoa ao reino do misterioso. Como proposta paréceme revelador o acordo que asinou o alcalde de Foz, Fran Cajoto, cos Reis Magos. Permite que as súas maxestades poidan moverse polas casas sen perímetro ao longo desta noite real.