Opinión

Media capa para Besteiro

O MAIOR cemiterio de Lugo non é San Froilán. O maior cemiterio de Lugo é a política. É unha masacre.

As causas xudiciais son a primeira causa de morte civil entre os cargos políticos. O partido é a patria natural do político, o altar maior da súa fidelidade. A patria nunca se compadece do soldado caído máis aló de impoñerlle unha medalla ao valor e vestilo coa mortalla.

Orozco falaba o venres dende Sanxenxo coa voz densa e solemne que tiña o fantasma do pai cando se aparece a Hamlet. Aseguraba non querer vinganza, pero ben desvelou que lle ofreceron o Senado. E ben aproveitou a oportunidade de facer público se desculparan antigos edís de Lugonovo. As chamadas humildes desas persoas deberían ter quedado na liña telefónica. A escasa discrección do exalcalde foi contestada con outra aínda menor por Rocha. O vello concelleiro recoñeceu que a petición de Lugonovo para que Orozco fose desterrado da cidade debíase á necesidade de «rexeneración política, non moral». Rocha explicou, sen sabelo, unha época na que España sufría elefantosis. Todo era descomunal: a construción, as causas xudiciais, as orquestras nas verbenas e a nova política. A febre imputadora de Pilar de Lara respondía a esa alma. A pandemia empequenece ambicións e protagonismos.

Fun comprar carne picada. O carniceiro sospeita que Besteiro volve, que esta semana foi probarse uns zapatos novos á Deputación, que este silencio de camposanto que mantivo ten valor dobre. Se había condea pasaría máis desapercibida. Se había absolución sería unha plataforma para o regreso.  San Martiño de Tours atopou un pobre indo a cabalo e compartiu a capa con el.  Gonzalo Caballero proclamou que entregará a metade da súa capa a Besteiro se volve. Non lle queda outra. O seu temor é que Besteiro non se vai conformar coa capa, que lle vai querer o cabalo.

Comentarios