Opinión

Unha luz de freo apagada

A SOCIEDADE avanza e retrocede. Antes os políticos convidaban a violar as leis se se tiña a seguridade de non ser descuberto. Agora trátase de seducir ao elector sen desprezar ás institucións.

Levei o coche a un taller de Catasol para cambiar unha luz de freo que se me apagara coma unha estrela anana. Falando de economía co señor mecánico suxeriume que "temos que cambiar os políticos". Ese discurso que mana nos bares e nos ximnasios, no que eran as academias gregas, vai fluíndo cada vez con maior caudal. Non se ten en conta que os políticos xurden de entre nós —"da veciñanza", apuntaría o meu querido Rubén Arroxo—. Pensamos e sentimos rexidos polas mesmas lóxicas que fan xirar os astros na noite en sombra e mecerse os océanos coas mareas dende hai 4.000 anos.

Os sofistas anteriores a Platón, seguidores do marcial Alcibíades,  mantiñan que o vergoñento non era incumprir as normas, senón que as autoridades se decatasen. Os espartanos castigaban aos ladróns non por roubar, senón por deixarse sorprender.

Os sofistas posteriores a Platón, inspirados polo virtuoso Pericles, non negaban as leis, pero buscaban os xeitos de incumprilas.

Plutarco, neoplatónico, asumía que "en todas as sociedades hai animadversión e receo cara aos políticos, e sobre moitas medidas útiles, se non provocan rexeitamento e controversia, recae a sospeita de que son produto dunha conspiración".

Pericles fixo cambios cando quixo ser gobernante: "Cambiou de peiteado, camiñaba a modo, mostraba sempre a cara concentrada, gardaba a man dentro do manto e non andaba máis que por un camiño: o que levaba da tribuna ao Consello".

O meu freo funciona tan estupendamente que vou usalo aínda que non me vexa outro condutor

Comentarios