Opinión

Incenso e mirra

Os Reis Magos non pensaban no bebé cando fixeron os regalos Poderían ter pensado nunha culler de prata co nome de Xesús ou nun axóuxere bañado en ouro. Pero os monarcas son vellos dende nenos e os xefes das casas reais apréndelles a coser alianzas. Por iso levaron incenso, mirra e ouro. Hai un tempo que non levan ouro enriba. Saben, polo programa de Ana Rosa que milleiros de anciáns son asaltados cada día. Tamén se coidan moito de non gardar xoias nos palacios porque tamén saben que os ockupas son coma eses botes de conservas que pechas con forza e ao ano seguinte non dás aberto. A tríada monárquica teme un atraco na rúa por parte de acentos estranxeiros e repasa os marcos das portas das súas mansións por se algún delincuente fixo unhas marcas para que os colegas asalten as súas casas. Ser maior é temer.

Onte escoite unha señora de idade pola rúa falando por teléfono: "Teño fríos os ósos". Como metáfora pareceume precisa e, ao tempo, terrible. A vellez é unha masacre de incomodidade económica, angustia sanitaria e conta atrás. A miña tía Feli dicía que había que codiar aos anciáns. Ela tiña 80 anos, pero nunca foi vella porque deixou pasar a vida agardando por un prometido que se embarcara para pagar os gastos da voda.

O meu pai tiña algún acordo cos Reis Magos porque vivíamos nunha casa baixa con tres portas á rúa. Había unha que chamabamos A Porta dos Reis porque non se abría en todo o ano, agás na vésperta de que chegasen os Magos dende Oriente, que, para nós, estaba na outra banda da ría de Ribadeo por veces nas Figueiras por veces en Castropol.

A democracia, á que eu aspiraba porque o meu pai dicía que era  preferible á ditadura, estaba en occidente. Máis aló de Fisterra. No Gran Sol e en Terranova, onde navegaba o pai de Juancho. Como estaba máis lonxe que Asturias tardamis 40 anos en facela vir a España que os Reis Magos O meu dicíame que a democracia vivía asentada en países como Estados Unidos. E a min parecíame un tanto comodona. Aínda asomei á ventá na mañá de Reis para ver o sensato que estaba Whasington ao amencer. Ía frío, iso si.

Comentarios