Opinión

Hotel Administración

SON CONTADOS os visitantes que entran nas sedes da Administración. O garda de seguridade sae recibirte e pregúntache se traes equipaxe. Vas darlle un par de euros cando te decatas de que estás entrando nun organismo público e non reservando habitación no Méndez Núñez. 

Antes da pandemia os funcionarios do mostrador falábanche mastigando as palabras con desagrado, como se chegaras no momento de saír á incerta e venturosa hora do seu café. Agora non, case che tratan como a Giusseppe Verdi no Gran Hotel de Milán. Os seus admiradores cubriron a rúa de palla para que os cabalos e as carruaxes non amolasen ao compositor.

Ao verme aparecer onte ás 9 da mañá dúas administrativas sentadas ao fondo entoaron en voz baixa o Nessun dorma! (Que ninguén durma!). O funcionario pediume que escribise a man unha nota co meu rogo ás altas dignidades da Administración, onde sopra un  nordés tan frío que os piñeiros m medran pouco, retortos e durísimos. Sentínme no século XIX.

Preguntei se habería un formulario para evitarlles o sacrilexio da miña letra. Escribimos como camiñamos. Eu camiño dun xeito irregular, torpe e cheposo. Contestoume que non, que malo sería. E malo foi. Iso que botei a sinatura de gala. O habitual trazo das iniciais S e J pareceume pouco rigoroso. Recórdame ao sinal de tráfico que indica xelo na estrada. Asinei, logo, co primeiro apelido. O DNI foi un respaldo solemne.

Pensei ao saír da oficina que a Administración volvía ao pasado manuscrito a pesar de que usa o prefixo grego tele para todo. Pensei en Verdi morrendo nun hotel con palla en Milán. Pensei no cansanzo e o medo que temos todos por culpa do coronavirus e dixen con Verdi: "Volvamos ao pasado, será un progreso".

Comentarios