sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

As cousas da alcaldía

HAI HOMES VIVOS, hai homes mortos e homes de mar. Os homes de mar son coma a Aparecida, unha señora de Ribadeo. Lanzárase desde a Ponte dos Santos con desesperación e non sen certa valentía. A muller soubo entrar na auga coa verticalidade dun coitelo nun xarrete asado. De neno téñoa visto nas Cuatro Calles, tan pálida coma unha candea de altar maior. Os homes de mar non están mortos, pero tampouco vivos. Díxomo unha vez Iriarte, o capitán intrépido: "As cousas do mar non se contan na terra, quedan afogadas no océano".

Fun á presentación do libro de Alfredo Conde En canto a Fraga, no que o escritor de Allariz fala dunha personalidade chea de talento, matices e contradicións como a súa. Presentaban José Manuel Barreiro, o noso home eterno en Madrid, e José López Orozco, que continúa sendo o meu alcalde. Tamén é o alcalde de moita xente que, segundo saes á rúa, che lembra algunha anécdota do que xa é a orozcoloxía. A última que me contaron é que cada mañá miraba as esquelas para dar o pésame aos familiares e establecer un dispositivo da policía local que abrise paso á comitiva fúnebre. Orozco pode confirmalo ou desmentilo, pero gustaríame que nos deixase esa historia na incertidume. Coma se fose un home de mar. As cousas da alcaldía quedan na alcaldía.

Fun cear ao Sevilla con Alfredo e máis co seu editor, Alejandro Diéguez, a quen recomendei que encargase un libro de lendas protagonizadas polo exrexedor. Achego unha. Cada vez que o atopaba preguntábame polo meu tío Juan, que militara con el no PSP de Tierno. Eu contestaba: "Juan está moi ben, señor Orozco. Hai moita paz en San Amaro", polo cemiterio coruñés. Cando acabou o acto, Orozco tivo o humor de dicirme: "Boa noite, Juan".

As cousas da alcaldía
Comentarios