Opinión

Álvarez Flores no Medulio

O MEU AMIGO Antonio ten dúas mans: "A dereita e a extrema dereita". Querémonos tanto que procuramos discutir de política. Discrepamos ata no que ambos sabemos evidente.

Os meus mellores amigos son conservadores ou liberais; son amantes do marcial, do eucarístico e do patriota. Supoño que iso fala ben deles porque me toleran e espero que, en certo modo, de min porque odio que me dean razón sen un incendiado debate previo. Discutir e seguir en desacordo axuda na armonía.

Antonio e máis eu soamente concordamos en dous extremos: os que se declaran apolíticos son graneiro da dereita e o centro é o Medulio da política. Ese monte foi o lugar onde os castrexos emitiron a súa agonía contra as lexións de Caio Furnio e Publio Carisio no 22 a.de C. Os historiadores non saben nin se existiu.

José Álvarez Flores afirma estar nese medulio dado que "os termos extrema dereita e esquerda están desfasados". O centro é o Purgatorio das ideoloxías. Adolfo Suárez bailou sobre esa pista de xelo entre a reclamación postcomunista e ameaza retrofranquista. O coordinador de Ciudadanos en Lugo sitúa nesa estirpe da Transición a Albert Rivera, que virou da socialdemocracia ao liberalismo xacobino sen lle amarelecese o sorriso. Flores está convencido de ter dúas mans —a esquerda e a dereita— para usar indistintamente. En política non se pode circular polo centro. O centro é un pan de molde sen corteza. Todo o que lembra a maioría dos galegos dun legado tan rico e complexo como o de Beiras é o zapateado no Parlamento. Cando se está na oposición hai que ser furioso, excéntrico, irreverente. Flores terá tempo para a mesura e o sentido común se lle toca gobernar. Xa se dará conta, se ten a desgraza de gañar unhas eleccións, do aburrido que é xestionar. Coincido con el nunha percepción: a valía de Olga Louzao.

Comentarios