martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

A viúva do loteiro

José Luis Lodos tiña as pernas máis altas de Ribadeo e un longo futuro como futbolista. Chamábano Nijinski. Saltaba no centro do campo e remataba un córner antes de caer. Parecía o  bailarín ruso. Agora, xa retirado, vende participacións da Once na rúa da Cruz, en Lugo,diante do Zara. Aínda non se gañou a cabina coas luces. Xerarquías. "Lodos, dáme unha ventá de oportunidade aberta ao futuro, por favor". Ás veces gústame falarlle coma os economistas que botan as cartas do tarot en televisión. Onte entrégoume un cupón para hoxe e contestoume: "Ben sabes que o futuro é coma Deus: algo no que confíamos e nunca dá chegado. A diferenza é que Deus xa estivo na Terra. Non lle quedaron ganas de volver. Por iso nos agarda no Ceo, sentado comodamente".

Heille preguntar o luns polo loteiro de Pantón que vendía en As Saamasas, A.F. S.. Desapareceu hai en 2018 coas recadacións do Nadal e do Neno. Confía máis na relixión que no futuro. Marchou con 200.000 euros, pero reunidos na época máis espiritual do ano. Gustaríame que me botasen de menos como se bota de menos a ese home. A Policía, a muller, as fillas, o socio, os empregados e os clientes premiados levan dous anos buscándoo. Hai quen o sitúa en Brasil e que pensa que se esconde en Suíza. A.F.S. debe de ter dobre personalidade. Un estafador marcha a Brasil para deixar morrer os días na praia de Ipanema, contemplar garotas e beber caipirinhas. Elixe Suíza se prefire deixarse espertar suavemente por un reloxo de cuco, deleitarse cunha táboa de queixos azuis e asistir en directo aos saltos de tobogán na neve. A Lodos, a A. F. S. e a min métemos medo o futuro porque nunca nos mira aos ollos. Todo o que pedimos é vivir, e, mentres vivimos, ser amados.  Se queres que che toque a lotería, casa co loteiro.

A viúva do loteiro
Comentarios