domingo. 26.09.2021 |
El tiempo
domingo. 26.09.2021
El tiempo

Viaxe a un anaco de lembranzas

E lémbrome daquelas tardiñas mornas na aira de Campo de Vila,naquela aira tan dela, tan aberta,co chan de lama enxunta estrado de pallas de malla, arrodeada dunha parede de pedra, e no curro unha figueira que daba uns figois moi bós. Tiña unha cancela de madeira para pasar á horta, cun carreiriño polo medio separando as sementeiras; gustábame ir por el coller mazorcas de millo, habíao de moitas cores, marelo, vermello, eran as miñas bonecas e peinaba nelas facéndolles trenzas, colas de cabalo atadas con herbas, moñas...

Mais, o intre do día verdadeiramente apaxoinante para min era o intre de botar-la facenda fóra, só o feito de entrármonos na corte, escura pero quente, con esa quentura animal, ese bafo envolvente, enchíame o peito de ledicia, e non entendía cómo tantas ovellas triscando soltas podían ser gobernadas por un pastor e un canciño; pero elassabían o camiño, non podía ser doutro xeito,pois ían diante, e nós, o pastor, eu e mailo can que choutaba entre os nosos pés, seguíndoas mesmamente como se a facenda foramos nós e non elas. 

Baixabamos corredoiras, atravesabamos carballeiras, saltabamos regatos, algúns tiñan unha pía chea de auga onde ían lavalasmulleres; as silveiras doredor relocían entón coas cores das roupas postas a secar ó sol.

En chegando ó prado, –un pradiño verde, fresco, cheo de reguiños por onde corría a auga clara ¡que daban uns azos de sulagalos pés neles!, o gando poñíase a pastar manseniñamente, e eu rebuldaba pola herba dando pinchecarneiros,comendo mazás que collía nos mazairos dos lindeiros, ou -as mais das veces- quedándome agaiolada, aparvada, mirando as augas fondas do río,a ló embaixo, marcadas as beiras por reas de amieiros e bidueiros; o río tiña algo meigo para min,algo máxico que me arredaba e atraía a un tempo;aquelas augas mouras,medoñentas, adormecidad... e emporiso,cheas de vida sulagada...; a mamá dicíame sempre que había pitas bravas e que ían polo medio do río coa súa niñada oredor, que ela cando ía lavar sempre as vía. ¡cómo me gustaría velas cos seus poliños pequerrechiños saíndo da auga e poñéndose a secar ó sol,espilindo as súas aliñas,picando acó e aló as herbiñas recén nadas!..., xamais conseguín velas, (teño para min que eran as fadas que non querían que as vise), e...emporiso, ¡como me gustaría, aínda que fose un intre, poder adiviñalas!

O río, co seu acougante marmurio correndo por unha canle milenaria, como a xente, sempre igual e distinto; o arrechouchío dos paxaros facendo os niños,o bruído zoón de abellas, bolboretas, libeliñas... ¡quen puidera escoitarvos aínda agora, nesta viaxe a un anaco de lembranzas!

Ana Mª Eiros Castro

Viaxe a un anaco de lembranzas