Opinión

Para que pregunto?

E DÁLLE. Como brúa. Non para. Teño eu o día para andar con estas lerias. Xusto hoxe que a Mendes nomeou o Martiño para dirixir a nova liña de produtos. Se leva dous días na empresa! Que vai saber sobre xeados de castaña?

— A ver, deixa de bruar, que xa chegamos.

O certo é que a praia non fica lonxe, poderiamos ter vido a pé que protesta menos. Mais carrexar tódalas chilindradas ao lombo non me presta, leva menos trapallada un nómade. E non era o Martiño un deses nómades dixitais, co computador sempre ás costas? No inverno a facer surf en Cidade do Cabo, na primavera a visitar as cerdeiras en flor de Quioto, e aínda lle dá para chegar ao Arde Lucus vestido de romano.

A Mendes tamén gosta desas modernidades. Seguro que estiveron a partillar fotos e contos: cal é o mellor poke que probaches? Que vacinas precisas en Vietnam? Privilexios de solteiros. Gostaría de saber como é que a xente traballa desde unha cafetaría cunha mincha como o Nuno a vagar por aí. Xa non falo de viaxar. Metelo nun avión promete ser unha experiencia estimulante para os ouvidos, o Nessun dorma a todo volume. En fin, moito plan de igualdade e moita carreira profesional, mais tendo afinidade coa persoa que manda, continúas con vantaxe. Levas dous anos a investigar o mercado mais gostas do churrasco? Non es sofisticado abondo.

— Veña, cinto fóra, que estamos na praia.

"Praia, palabra anestésica. Como lle cambia a cara. Como gosta do mar"

Praia, palabra anestésica. Como lle cambia a cara. Como gosta do mar. Déixalo aí á beira e está toda a tarde entretido. Cando inventarán unha praia portátil para eu pór no salón e telo tranquilo durante as videochamadas? Que, por certo, sería ben facer unha coa Rosa. Leva tempo a insistir: que o meu perfil encaixa onde ela traballa, que as castañas non teñen futuro, que só podes competir desde unha distribuidora global. Outeiro de Rei non é global abondo? Non toman xeados en Ribadavia? Non se pode distribuír marron glacé desde Marín? Rosa é un encanto, mais acho que tampouco gosta do churrasco. Para ela a vida na empresa é up or out, ou te ascenden ou te botan. Razón igual non lle falta, mais eu mal non estou: teño autonomía, gozo co que fago, e cobro abondo. Agora ben, se a Mendes pregunta polo meu interese na liña de xeados, que debo entender? Aconséllame participar no proceso e dálle o posto a un que chegou onte? Para que pregunta entón? Xeroume unhas expectativas que eu non tiña.

— Non levas para hoxe? Despois non volvemos a por ela, eh.

Vouna levar eu que ha de virlle á cabeza máis tarde. Ficou intranquilo onte ao non atopala de volta do baño. Após moito buscar, tíñaa a veciña de parasol. Que vergoña pasou ao reclamarlla. Ten que aprender a ser menos preocupado e máis atrevido. Como o Martiño. Non aparece na última reunión cos billetes comprados para a feira dos lácteos do Brasil? Debe ter boas ondas para surfear por alá. Tanto lle deu que a Xela levase meses a organizar a axenda con posíbeis parceiros. E a Mendes achou que era boa idea, claro. Iso é o que se premia na empresa. Atreverse. Non pedir permiso. Non dubidar. Calar cando non tes nada que dicir? Non suma. Mellorar os procesos sen anuncialo aos catro ventos? Tampouco.

Para irmos á auga temos que poñer o traxe de baño. Queres o da porquiña Pepa ou o dos Bolechas?

Merda. O da porquiña ficou na casa a secar. Que perrencha vai coller. Para que pregunto?

André Maneiro

Comentarios