miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Con tinta negra

NO RELOXO dixital, con números fluorescentes de cor verde que descansaba en silencio sobre a mesa de albanelaría de cor gris, vía sen ningún problema como pasaban os minutos, as horas e cada vez a súa desesperación medraba ata alcanzar límites imaxinábeis nun estado normal. 

Esa última noite a choiva era xa torbón golpeaba os cristais da ventá lembrándolle baleiros que nin a auga de tódolos ríos podía encher. A causa? O contido con distinto remitente, das dúas derradeiras cartas que tivera recibido, a derradeira con acuse e escrita CON TINTA NEGRA. 

A lectura, o deporte e a escritura, as únicas armas que ten o preso para evadirse da realidade, non servían. A cabeza non paraba, lembrándolle día e noite sen descanso que a vida é inxusta, que non se detén por nada nin por ninguén. 

Tui, a 3/marzo/21 

Querido irmán: 

Agardo que esteas ben física e anímicamente, eu estou superando un tratamento de quimioterapia e un dos efectos secundarios que arrastro é a perda de sensibilidade nos dedos que impide, entre outras cousas, escribir con normalidade. 

Recibín tratamento por vea para unha primeira diagnose errónea e agora remato o segundo tratamento para un linfoma con radioterapia e pastillas de tódalas formas e cores. Levo un ano e moitos meses de probas, biopsias e Tacs. Teño gana de rematar para celebralo cun bo chuletón, unha botella Gran Reserva de Rioxa e esquecelo todo. 

Coñezo por terceiros que á túa exmuller e aos fillos lles vai ben. Sinto moito que dende o teu problema me afastara tanto deles. Esforzareime en enmendar este grave erro. 

Por último, quero engadir que cando dá as horas o reloxo de carilón que teño no salón, lémbrame que o meu único irmán está preso nun cárcere de Galicia e debo tamén acercarme a él. 

Unha aperta, o teu irmán Luis. 

En silencio pensei: "Aquí só descansa o teu corpo, dentro de min segues con vida"

Tui, a 9/3/21 

Ola, Xuan. 

Supoño que che estrañará que che escriba despois de tanto tempo, mais teño novas importantes que comunicarche e non son precisamente boas. Penso que teño a obriga de ser eu quen o faga. Teu irmán finou o día 6 despois de loitar sen tregua contra unha longa enfermidade. 

Recibiu sepultura o día seguinte no cemiterio parroquial da vosa vila. Descansando, como el quería, onda vosos pais. Ese día entregueille aos teus fillos os seus obxetos personais, entre eles o reloxo de pulseira que herdou de voso pai. Unicamente me reservo o dereito de quedarme co solitario e coa alianza que sempre levarei no dedo anular da man dereita. Agardo que o entendas. 

Nas longas conversas que tiñamos, sempre estabas presente. Nunca superou o teu ingreso no cárcere, así como tampouco nunca atopou unha resposta ao feito que provocou e que foi a causa do voso afastamento. Se algo caracterizaba a súa personalidade era a súa sinceridade e o seu desexo de manifestar a súa opinión. 
Esta é a primeira e a última misiva que che escribo CON TINTA NEGRA. 

Como despedida, deséxoche o mellor e que te coides. 

Ana 

Logo de ter lido estas dúas misivas de contido tan distinto pero tan reais, deuse conta, segundo me dixo, de que a vida carecía de interese. 

Unha mañá na que o día se presentaba soleado e na que o amencer comezaba a gañar a man á noite nos primeiros días de marzo daquel inverno de 2021, atoparon o seu corpo descansando sen vida colgado dunha saba na cela onde pasara tantos anos. 

Na pantalla do televisor deixara un post-it onde con letra dirme e CON TINTA NEGRA escribira: "estou farto de sufrir, por favor, que o meu corpo descanse onde o de meus pais e o meu irmán Luis". 

Hoxe quen suscribe, despois de tantos anos privado de liberdade; visitei a terra onde repousa o meu compañeiro de patio. Unha rosa negra baixo do seu nome é o seu único epitapio. Ao despedirme, en silencio pensei: "Aquí só descansa o teu corpo, dentro de min segues con vida".

Miguel Ángel Polo Hermosilla

Con tinta negra
Comentarios