Opinión

Aventura musical das emocións

RAÑABA POR por tras da caluga, inclinando parcialmente a cabeza cara ao lado esquerdo e pechando o ollo do lado dereito. Evitaba a ollada inquisitiva do seu irmán maior, que preguntaba polo último suspenso do trimestre. Naquel instante, a actitude de Brais, nado tan só tres anos antes ca el e cun status semellante dentro do estamento familiar, resultaba case insultante, pero agardaba absurdamente que aquela reprimenda non transcendese converténdoo a el, Airas, o elo máis feble da cadea, en obxecto de oprobio e escarnio dentro e fóra da unidade familiar. Pensou axiña algunha escusa que o exculpase. Non podía dicir que lle dedicara moito tempo á materia, alén de asistir ás aulas e algunha que outra lectura rápida días antes do exame, non fixera grande cousa. Tampouco lle resultaría doado argumentar ningún tipo de desavinza coa profesora, de feito, quedara nalgunha ocasión con ela despois das aulas para solicitar recomendacións de lectura. A lingua non era algo que lle resultase alleo. Normalmente, na fala cotiá, buscaba fórmulas precisas para expresarse con corrección. Aquel suspenso só podía ser atribuído a un descoido pola súa parte, desatendendo as obrigas básicas de calquera estudante e obtendo como resultado o descoñecemento dos fundamentos básicos da materia naquel período. O feito de ser, en exclusiva, demérito propio, aumentaba o sentimento de frustración. Tentando recordar os días previos ao exame, deu cun posible argumento. Antón, o que viñera da Cañiza para Ferrol dous ou tres anos atrás, despois de que destinaran ao seu pai á sede central dun popular banco da cidade, non tivera peor ocorrencia que dar prioridade, dentro das súas preferencias, aos Misfits fronte un clásico británico como The Clash. A defensa daquela impertinente aseveración debía ser preparada con detemento e meticulosidade. Dedicara varios días a redactar unha resposta para aquela aberración musical. Sen dúbida, aquel desprezo ao talento, fixéralle destinar demasiados recursos á obrigada argumentación. Deixou de rañar por tras da cabeza, erguendo esta cun ton de decidida vitoria. Cometendo o erro de mirar ao seu irmán aos ollos, volveu á súa posición de partida. Baixo ningún concepto aquela escusa podería salvalo.

"Aquela forza inicial e aquela distancia, por obra e gracia da culpa, fixeron recuar a Arias"

Afundiuse un pouco sobre o asento, claudicando á resignación e disposto a solicitar clemencia por medio dun xesto de submisión cando, de súpeto, lembrou os versos de Patrik Fitzgerald: «teño un pasador de seguridade no meu corazón por ti». Por un instante sentiuse forte, seguro de si mesmo, un abrollo de displicencia mostróuselle nos acenos, observando ao seu irmán con distancia, á súa figura insignificante, escoitando a súa voz non máis relevante do que un murmurio. Pero, aquela forza inicial e aquela distancia, por obra e graza da culpa, fixeron recuar a Airas, que se sentiu só, distanciado de calquera emoción que o achegara a aquel ser querido co que tanto se divertía, a maior parte do tempo. As bágoas abrollaron nos seus ollos e a amargura gravóuselle no rostro, xa non pola insignificancia do suspenso en lingua, senón por verse momentaneamente afastado daquel ser que significaba moito máis para el do que unha simple disputa. Por un momento, xusto antes de renderse ao abrazo do Brais, que o miraba desconcertado, cantaruxou aquela estrofa de Culpable que interpretara Ruth Etting a comezos dos anos trinta do pasado século: que podo facer? que podo dicir despois de asumir a culpa? Dirás que xa pasaches, que seguirás o teu camiño, pero eu sempre me sentirei igual.

Alberte Momán Noval