Opinión

Perú ao borde dun ataque de nervios

El presidente de Perú, Pedro Castillo. PAOLO AGUILAR
photo_camera O expresidente de Perú, Pedro Castillo. PAOLO AGUILAR

Actualmente Perú ten oito expresidentes vivos, cinco por elección directa, e tres por  sucesión constitucional. Dos electos, todos teñen pasado pola cadea despois de seren presidentes, principalmente por actos de corrupción. Alberto Fujimori, tras a súa renuncia por fax no ano 2000 é o que máis tempo leva no cárcere, en grande medida por múltiples excesos e violacións de dereitos humanos que se cometeron durante a súa autocracia nos anos 90. Cando amenceu na súa cela do cárcere de Barbadillo no distrito limeño de Ate o mércores pola mañá, pouco se podía imaxinar que ese mesmo día tería un novo invitado de honor: o xa expresidente, Pedro Castillo, durmiría a escasos metros del nunha cela contigua. 

Curiosamente, Pedro Castillo está no cárcere por emular a mesma falcatruada política que fixera Alberto Fujimori o 5 de abril de 1992; un autogolpe no que se suspendían os poderes lexislativo e xudicial e se decretaba o toque de queda en todo o país. Sen embargo, en contraste do que fixera Fujimori, semella que o señor Castillo non contaba cos apoios suficientes para este golpe máis aló dun pequeno grupo de asesores, a primeira ministra e un par de ministros do gabinete. A manobra saíralle ben a Fujimori, e houbo que esperar anos para que lle rendese contas á xustiza. De feito, nin tan sequera está na cadea por quebrantar a orde constitucional. No caso de Castillo é difícil entender o que o levou a tomar esa decisión, que supuxo a súa morte política e civil, certificada nunha mensaxe presidencial na que mostrou as súas carencias dialécticas e a súa falta de entendemento do funcionamento do Estado.

Se ben esa mesma tarde íase votar unha moción de censura contra o presidente, era pouco probable que se chegasen aos 87 deputados necesarios. O diario de centro-esquerda La República anunciaba a noite anterior que faltaban polo menos media ducia de votos para que se puidese materializar a substitución de Castillo. Sen embargo, esa mesma noite Castillo deu unha mensaxe televisada de escasos minutos na que desligou dos casos de corrupción que se lle imputan a numerosos familiares e cargos de confianza da súa contorna. Xa o mércores pola mañá Castillo reuniuse co comandante xeral do exército. Supostamente pediulle apoio para o golpe, pero este negouse.

Ás 11.40 da mañá Salatiel Marrufo, exasesor no Ministerio de Vivenda declarou en sé parlamentaria que lle pagaba directamente a Castillo cartos de maneira mensual para permanecer no cargo. Inmediatamente despois destas declaracións, que podían arrastrar os votos necesarios para a censura, Castillo saíu novamente en televisión para suspender os outros poderes do Estado nunha intervención onde o seu nerviosismo era evidente. O que pasou despois é xa coñecido. Primeiro renunciaron os ministros de traballo, asuntos exteriores e economía, seguido dun longo goteo de renuncias de ministros e viceministros. Á 1 da tarde o presidente do Tribunal Constitucional declarou que Castillo xa non era presidente de Perú e media hora máis tarde as forzas armadas e a policía puxéronse contra o xa expresidente.

En realidade, cando o Congreso de la República censurou a Castillo con 102 votos, incluídos 16 votos de deputados elixidos polo oficialismo de Perú Libre, só estaban oficializando unha acción pasada. Pedro Castillo Terrones xa non era presidente de Perú e estaba sendo detido no seu coche oficial. O Congreso, unha vez máis, demostraba a súa incapacidade á hora de tomar decisións máis aló do seu obstrucionismo habitual, deixando claro o por que da súa valoración pública: só o 11% dos peruanos aproba o traballo desta institución. 

Castillo pola súa banda demostrou un grande déficit democrático dende o día no que pasou a segunda volta das eleccións. Os discursos machistas, homófobos e xenófobos contra a migración venezolana durante a campaña materializáronse en accións e feitos durante o seu mandato. O ano pasado, poucos días antes do Nadal, o seu gabinete montou unha redada nunha praza de abastos para deter a venezolanos sen documentos e facer unha devolución sumaria televisada ao día seguinte. Por sorte, o sistema xudicial logrou deter este esperpento e os migrantes afectados puideron ficar no país. 

A comezos deste ano o goberno tamén demostrou unha pasividade completa co derrame de petróleo en Lima; en complicidade con Repsol, as axudas públicas aos pescadores e comerciantes da zona afectada foron practicamente nulas e a responsabilidade subsidiaria do Estado foi inexistente. Mentres tanto, Repsol está sacando máis beneficios ca nunca cos prezos altos do combustible do país. Outras políticas ambientais, fóra do simbolismo de declarar a Perú en emerxencia climática, tamén sufriron un retroceso importante respecto a xestións anteriores.

A vacinación foi algo positivo do mandato. Cun ministro de saúde competente logrouse vacinar a unha porcentaxe moi ampla da poboación en poucos meses. Sen embargo, malia ter a máis do 75% da xente vacinada con dúas doses en xaneiro de 2022, a volta ás clases presenciais na escola pública en marzo tras dous anos de peche foi un auténtico desastre. Nas universidades, o regreso foi aínda máis tardío e nun contexto de cero debate sobre os efectos que deixou a pandemia nos estudantes. O sistema de saúde público segue en estrés postraumático tras os duros efectos das dúas primeiras ondas de COVID-19, co goberno recorrentemente reducindo as partidas orzamentarias para trata as persoas con cancro ou VIH.

Namentres, a rede clientelar que estableceu Castillo é digna de estudo, só comparable dende unha cosmovisión galega coa Deputación de Ourense. Sobriños, cuñadas, alcaldes afíns da rexión de Cajamarca, e algúns empresarios de dubidosos principios éticos foron capaces de obter suculentos contratos para obras a través dos ministerios de vivenda e transporte. As persoas involucradas, incluídas os exministros, están agora mesmo fugados ou en prisión preventiva.

A ineficacia e o caciquismo reflectíronse rapidamente en inestabilidade no executivo. Tivo 5 gabinetes diferentes e 78 ministros en 495 días de goberno. Só 5 deles foron censurados polo parlamento; o resto, cambios feitos polo propio presidente de maneira ilóxica e abrupta. Isto foi debilitando a Castillo ata quedar só e ignorado polos principais poderes económicos e políticos. Finalmente, o silencio enxordecedor da Casa de Pizarro fíxoo escoller un camiño insensato que o converte nun vilán máis do circo político peruano.

Este episodio traxicómico é só un chanzo máis na errática política peruana dos últimos anos. Os votantes levan anos buscando algo que lles estimule e que resolva os seus problemas. Non o atopan. Nin no executivo, nin no lexislativo. As clases máis desfavorecidas seguen orfas de líderes políticos. Os partidos, a maioría, carecen de ideoloxía, e soen ser comparsas para candidaturas personalistas. Normalmente estouran aos poucos meses de entrar no parlamento ao non contar con base militante e liñas programáticas. Por exemplo, o oficialismo de Perú Libre, que entrou con 37 deputados, agora está atomizado en cinco grupos parlamentarios.

Agora Dina Boluarte é presidenta por sucesión constitucional. Ten moitos retos por diante. O primeiro decidir se convoca a eleccións nun país ao borde dun ataque de nervios, ou intentar esgotar o mandato ata 2026 sen un grupo parlamentario oficialista. A oposición prometeu unha tregua, coa que se poderían chegar a certos consensos necesarios para robustecer o sistema político, pero se algo nos ensinou a historia en Perú é que as treguas adoitan ser efémeras.

Ian Vázquez Rowe é catedrático do Departamento de Enxeñería da Pontificia Universidad Católica del Perú