jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Que está a pasar en Perú?

Marcha en protesta contra o novo goberno do presidente Manuel Merino, na praza San Martín de Lima (Perú). PAOLO AGUILAR
Marcha en protesta contra o novo goberno do presidente Manuel Merino, na praza San Martín de Lima (Perú). PAOLO AGUILAR

Hai exactamente un ano, Perú era unha pequena balsa de aceite rodeada dun estalido social case unánime no resto de países andinos. Por unha razón ou outra, Chile, Ecuador, Bolivia e máis tarde Colombia sufriron uns meses de inestabilidade que se caracterizou pola asunción compartida por unha coalición de grupos de esquerda, profesionais, estudantes e certa parte das elites de que os anos de expansión económica non conseguiran reducir suficientemente as desigualdades sociais. 

Perú administrativamente é un Estado microcefálico e os peruanos aprenderon co pasar dos anos a vivir sen esperar que o Estado participe na súa vida socioeconómica

Perú quedou á marxe nese momento por dous factores principais. Por unha banda, unha alta popularidade de Martín Vizcarra, vicepresidente convertido en presidente por mor da dimisión de Pedro Pablo Kuczynski, tralo escándalo de Oderbrecht. Por outra banda, a informalidade endémica en Perú, con máis do 70% da poboación activa traballando na economía somerxida, que fai difícil canalizar protestas concretas contra o goberno. 

Perú administrativamente é un Estado microcefálico e os peruanos aprenderon co pasar dos anos a vivir sen esperar que o Estado participe na súa vida socioeconómica. Sen embargo, o martes 10 de novembro o mundo ergueuse coa nova de que 105 dos 130 congresistas decidiran apartar a Vizcarra do seu cargo nun proceso de impeachment exprés. Visto dende un punto de vista numérico, a destitución parecía contundente. Ademais, viña acompañada de acusacións de corrupción contra el, limitando o percorrido da efeméride: outro presidente corrupto en Perú, e xa van uns cantos; o Congreso da República fixera ben en sacalo de diante.

Sorprendentemente, ao longo da semana, Perú foi ocupando de novo os titulares dos xornais de medio mundo. Unha estraña coalición de estudantes, tik-toqueiros, profesionais, clases medias, campesiños, asociacións medioambientais, profesores universitarios e unha meirande parte da poboación do país alzábase ante o que consideran un goberno ilexítimo e golpista. O asunto chegou ao seu clímax cando, o xoves pola noite, aglomeráronse nas prazas de practicamente todas as vilas e cidades milleiros de persoas nun país que non está afeito a manifestacións moi concorridas. Os máis precavidos ante a posibilidade dunha segunda onda de contaxios, nun país sumamente afectado pola pandemia, acompañaron cun sonoro cacerolazo que retumbou coa mesma consistencia tanto nos barrios acomodados de Miraflores ou San Isidro coma nas zonas máis humildes da cidade de Lima.

Vizcarra, en case tres anos de mandato, gozou dunha popularidade entre o 50 e o 80%, incluso tras os efectos devastadores da pandemia en Perú. Parte do seu éxito baseouse nunha confrontación directa co Congreso, unha institución que actualmente ten 68 membros investigados por corrupción e unha aprobación popular ínfima. Coa renuncia de Mercedes Aráoz, vicepresidenta da República, hai uns meses, unha destitución do presidente implicaba que asumiría o cargo o presidente do Congreso ata as eleccións presidencias de abril de 2021.

A manobra non deixa de ser unha estratexia do poder lexislativo para aproveitarse dunhas condicións perversas para asaltar o poder executivo, en clara violación da separación de poderes, e usando un artigo nada claro da constitución

E así chegou ao poder Manuel Merino, elixido con menos de 5000 votos nas eleccións ao Congreso de hai un ano pola rexión de Tumbes. Completamente legal, sempre e cando o Tribunal Constitucional non diga o contrario nas próximas semanas, a manobra non deixa de ser unha estratexia do poder lexislativo para aproveitarse dunhas condicións perversas para asaltar o poder executivo, en clara violación da separación de poderes, e usando un artigo nada claro da constitución que permite ao Congreso destituír a un presidente por “incapacidade moral”.

Malia todo, a crise política podería ter quedado aí se a cidadanía tivese unha percepción máis positiva do lexislativo. Diferentes partidos do Congreso levan meses tentando manobrar a través de proxectos de lei en beneficio propio: indultos para corruptos e golpistas na cadea, flexibilización da lei universitaria para rescatar a universidades que non pasaron os xa febles criterios para se licenciaren, regulamentos para liberalizar o solo da Amazonía para minería ilegal e outras actividades extractivas... E un longo etcétera. Neste contexto, a mensaxe de investidura de Merino, curta, mediocre, chea de simplezas e baleira de contido, acabou coa paciencia do país.

Cunhas institucións parasitadas pola mediocridade e os intereses persoais, a presión da rúa nos próximos días será determinante para equilibrar o balance de forzas entre o poder político e a sociedade civil

Esta chafallada política acabou de xestarse ao longo da semana, primeiro co nomeamento de Ántero Flores Aráoz como primeiro ministro, cun perfil de extrema dereita, e logo, cunha listaxe de ministros que, ou ben carecen de currículo profesional coñecido, ou teñen un pasado escuro ao seren asociados co baguazo, unha masacre en 2009 durante o último goberno do finado Alan García na que morreron ducias de policías e indíxenas. Definitivamente, un goberno moi lonxe das necesidades dunha maioría social que ve como a fráxil democracia peruana esmorece.

Non son días fáciles para os peruanos, e a pasividade do Tribunal Constitucional contrasta co desprezo internacional polo novo goberno: nin un só mandatario internacional felicitou a Merino. Cunhas institucións parasitadas pola mediocridade e os intereses persoais, a presión da rúa nos próximos días será determinante para equilibrar o balance de forzas entre o poder político e a sociedade civil. Só unha vitoria dos últimos pode garantir unha transición democrática e lexítima ata as eleccións de abril. 

Ian Vázquez Rowe é profesor titular no
Departamento de Enxeñaría da Pontificia
Universidad Católica del Perú

Que está a pasar en Perú?