Opinión

Compromise

RECORDO LER unha columna de John Carlin en El País hai uns anos na que falaba da ausencia dunha tradución literal do vocábulo inglés compromise ao castelán. A pesar do meu trilingüismo harmónico durante a nenez e a adolescencia, a primeira vez que me atopei con esta palabra de maneira consciente foi no meu primeiro ano de universidade en Texas, onde na clase de historia faláronnos do Missouri Compromise de 1820, que permitiu manter o balance de poder entre Nova Inglaterra e os estados do Sur, adiando durante varias décadas unha escalada de tensión entre os dous territorios. Hoxe en día, nas conferencias científicas nas que teño a sorte de participar, fálase da necesidade do compromise para ter un futuro máis habitable no planeta, aínda que iso implique que o estilo de vida das economías emerxentes e desenvolvidas teña que facer sacrificios durante grande parte do século vint e un.

Segundo a maioría de dicionarios que consultei na rede, a tradución máis parecida de compromise ao castelán é mutuo acuerdo, algo que todos nós coñecemos e mesmo practicamos a cotío. Sen embargo, o feito de que sexan dúas palabras en vez de unha suxire que as sociedades castelanfalantes consideran esta virtude como algo difícil de atinxir. Outra case tradución que atopei foi hacer concesiones, unha locución verbal. Esta expresión lingüisticamente máis arrevesada que o uso dun verbo directo e conciso fainos percibir a acción que identifica como algo que sae do común e da norma. Ademais, se a esta peculiaridade do idioma castelán lle engadimos o uso exacerbado na actualidade das redes sociais, onde políticos, xornalistas e cidadáns comúns verten unha parte importante das súas opinións en mensaxes telegráficas onde hai pouco marxe para as puntualizacións e os matices, as accións que lingüisticamente ocupan máis caracteres teñen menos probabilidades de aparecer en mensaxes telefónicas ou chíos no Twitter. Neste senso, palabras como aceptar, ceder ou criticar sempre van ter máis visibilidade no mundo cibernético, que expresións como mutuo acuerdo ou hacer concesiones.

A ausencia de vocábulos semellantes a compromise faise máis preocupante coa situación de tensión continuada que se está a vivir no eixo Madrid-Barcelona nos últimos meses. Máis aló da folla de ruta independentista ou da defensa, ás veces case bíblica da Constitución, o que urxe en España é asimilar valores supraconstitucionais que nos permitan convivir, xuntos ou separados, tanto me ten, nos próximos decenios ou séculos. De feito, a adhesión á CEE, actual Unión Europea, no ano 1986, baseábase precisamente niso, no poder da razón por riba incluso do poder democrático para poder afrontar decisións complexas nun mundo cada vez máis complexo e difícil de xestionar. Sen embargo, parece que no século vinte e un a capacidade de compromise a distintos niveis administrativos e políticos, non só na península Ibérica, pero tamén a nivel europeo e mesmo americano, parece minguar despois duns felices anos noventa. Non se están a integrar as minorías no pensamento maioritario, hai unha axenda inequívoca e inamovible cando se atinxe o poder, e as concesións a esas minorías han de ser mínimas.

Hai poucos meses no meu sofá austral vin unha película non demasiado boa de Penélope Cruz que falaba da guerra de Bosnia e do asedio á cidade de Sarajevo. Durante uns intres da película mostraron imaxes reais, e moi duras, dos ataques ao mercado Markale nos aos 1994 e 1995. Botei a chorar como nunca o fixera vendo unha película. Días máis tarde, falando co meu amigo Juan de Lugo díxome que a el a guerra de Bosnia tamén lle deixara un trauma infantil. Imaxes diarias no telexornal de xente indefensa, parecida a nós, sufrindo e malvivindo no corazón da Europa feliz dos anos noventa. Ao rematar a película, sentín a necesidade de meterme na rede e ler textos que me axudasen entender como se chegou a esa situación nesa parte da terra, xa que os libros de historia no bacharelato galego dos anos 2000 e 2001 aínda non cubrían este episodio da historia recente. Despois de informarme, e de comprender que unha serie de malas decisións, pésimas xestións e pequenas doses de fanatismo crearon tanta dor en tan pouco tempo, deime conta que  sen coñecer o vocábulo compromise naquela época infantil da miña vida, xa tiña claro que a súa ausencia leva ao desastre.

 Ian Vázque Rowe (Santiago, 1984) es profesor titular de la Universidad Católica del Perú

Comentarios