Blog |

FAN ZONE | Feliz mediocridade

LEO NAS redes sociais como a xente fala do partido do domingo ante o Oviedo como a última oportunidade para engancharse aos postos de play off que dan dereito a soñar á parroquia albivermella. Fálase xa do que puido ser e non foi. Daquel partido ante o Huesca. Daqueles puntos perdidos non sei onde. O que puido ser e non foi. Vese que a xente en Lugo non quere ser mediocre.

Lembro alá polo mes de agosto cando no partido de presentación no Anxo Carro ante o Mallorca xa se escoitaba a un señor, con puro na boca, en Preferencia: "Este Francisco non come o turrón" ou "Ai, como siga así a cousa a partir de novembro a ver quen vén pasar frío aquí abaixo". Todo isto no mes de agosto. Comezou a temporada e ao Lugo facíaselle a portería máis pequena que as de hockey. Non había dianteiro, nin había goles. Algúns xa estaban planeando a vindeira temporada en Segunda B. Iriome marcou o primeiro gol do Lugo na xornada 4, e de aí en diante 22  puntos de 27 posibles en nove xornadas.

Gánaselle ao Zaragoza na casa e xa había quen pensaba canto ía custar o carné o ano que vén para ver fútbol de Primeira División no Anxo Carro. Logo co gol de Juan Carlos, ante a mirada de máis de 2.000 afeccionados do Spórting, abrimos espazos deportivos das televisións de todo o Estado. Sentiámonos xa o centro de atención e os pés no aire.

Esta semana vin a moita xente queixarse de novo nas redes sociais pola maneira de perder ante o Nástic. E ollo, paréceme ben ser críticos co equipo. Pero por un momento dubidei e mesmo pensei que estaba perigando a permanencia, así que fun mirar a clasificación. Con toda a precaución que me dá o meu pesimismo, primeiro mirei cara abaixo: 15 puntos por riba da Cultural que marca o descenso. Relaxeime e mirei con calma para arriba: 4 puntos co Zaragoza, que ocupa a última praza dos postos de play off. Seguinte rival: Oviedo. Dous puntos por enriba do Lugo.

Sempre me gustou a teoría de que estar no medio non ten por que significar ser mediocre. Chamádeme conformista, pero esa tiranía do positivismo na que vivimos non sempre dá a felicidade. Admírovos os que queredes sempre máis e máis, pero ás veces semella que non nos lembramos de onde vimos e sobre todo de que o camiño que levamos non está sendo tan feo. Eu seguireime conformando con ir cando se pode á beira do Miño, pensar nun ano máis en Segunda División, co descenso a 15 puntos, coa vista nunha posible fase de ascenso e gozar do equipo as 13 xornadas que quedan. E que siga soando Mala Vida de Mano Negra no Anxo Carro, así polo menos os días que o partido non valla para ver cando menos gustarame a música.

Comentarios