Blog |

Da paixón ao irracional

O ESCRITOR e xornalista arxentino Hernán Casciari lembraba a primeira vez que levou o seu pai a ver un encontro de fútbol nun estadio en España. Á metade do primeiro tempo a Casciari sorprendíalle que o seu proxenitor miraba tanto cara ao ceo: "Es todo muy aburrido, Hernán: los de la platea alta ni siquiera te mean".

Son maneiras de entender o fútbol; de entender a paixón. Na Arxentina non chegan a comprender por que aquí vemos o fútbol sentados. Non entenden tampouco por que cada vez que saímos do campo non nos doen os brazos de alentar. "¿Pero en la cancha no hay paravalanchas?". Movo a cabeza de esquerda a dereita negándoo. "Iso era antes", respondo. E sen resposta ante todo isto un día intentei explicarlles o de comer pipas. Esquézano. "¿Pero putean al árbitro, no?". "Ah, iso si!", contestei aínda pensando se estabamos falando do mesmo deporte.

O outro día en Lugo unha árbitra suspendía un partido de categoría infantil (de infantís!) por insultos dende a grada dos pais (dos pais!). Apenas 24 horas despois no Anxo Carro soproume na orella todo o partido un home berrándolle ós xogadores do Barça B "Muérete!" cada vez que caía un de blaugrana ó chan.

Un amigo arxentino –deses dos que cada 15 días están pegados a un paravalanchas na cancha do seu equipo– a máis de 10.000 quilómetros de distancia ve o fútbol de aquí con algo de envexa polo feito de poder ir a un partido e saber case con total seguridade que non che vai pasar nada.

Alí o fútbol e o seu club son un sentimento e unha paixón diaria. De luns a domingo. 24 horas, 7 días á semana. Pero reflexiona: "Bueno, ¿a qué hincha de allá no le gustaría un fútbol con más pasión, adrenalina y emoción?". "Que é a paixón?", pensei.

A Universidade de Coimbra di nunha investigación que a paixón polo fútbol é algo similar ó amor romántico. Nese estudo comprobouse que os circuítos cerebrais que se activan nos afeccionados do fútbol son os mesmos que nos namorados.

Agardo que o que estivo berrando "Muérete!" durante todo o partido e os pais do partido de infantís que se tivo que suspender non saiban o que é o amor. Nin sequera a paixón. Ou serei eu que non entendo nada das cousas irracionais.

Comentarios