Opinión

Touros

EN TRIACASTELA, o concello galego con máis vacas por habitante, os touros son motivo de discordia. A alcaldesa, veterinaria de formación, aceptou acoller a corrida vetada en Sarria, malia que parte dos veciños e a maioría dos hostaleiros a rexeitan. Temen, uns, que a localidade que é fin de etapa do Camiño cargue para sempre co estigma de promover o maltrato animal. Os outros, que o sanguento festexo de indocumentable tradición nesas terras escorrente os peregrinos. En Triacastela non hai arraigamento, un dos mantras que noutros lugares repiten os protaurinos. Así pois, a pregunta é se o posible beneficio económico da tourada xustifica a celebración dun 'espectáculo' eticamente cuestionable. E máis no concello das máis de 5.000 vacas e apenas 700 veciños, onde se Castelao levantase a cabeza o próximo día 22 probablemente diría, máis cheo de razón que nunca, aquilo de "¡lástima de bois!".

Comentarios