Opinión

Simpatía polo débil

Pluto
photo_camera Pluto, un simple macguffin nesta columna

RECOÑÉZOO. SON plutófobo. Aclaro que non teño nada en contra do can de Disney, ao que lle quero ben. En realidade, o termo designa aos que senten aversión pola riqueza ou polos ricos. Fun consciente da miña plutofobia o outro día no tren, logo de que sentara xusto diante unha parella africana con tres meniños irresistibles. Pronto tracei a súa historia: marchaban de Galicia tras xuntar, a duras penas, os aforros necesarios para regresar ao seu país. Probablemente malvivisen durante anos vendendo polas rúas figuriñas de falso ébano a cambio da vontade.

Aos dous minutos de viaxe xa sentía unha absoluta empatía con esa familia senegalesa —mesmo lles proporcionei unha patria. Inventada, por suposto—. Pero entón o pai sacou do peto un moderno iPhone e púxose a falar de negocios nun depurado inglés: "Sell, sell, sell!" 

Canto mellor me caía cando non era máis ca un desventurado vendedor ambulante!

ADENDA: Algo de música. Por que non?

Comentarios