Opinión

Ecos do 4-M

Casado e Ayuso. DAVID MADARRA
photo_camera Casado e Ayuso. DAVID MADARRA

Os ecos do 4-M resoan inevitablemente por todo o Estado, como resoou unha longa campaña de cañas por España, balas por correspondencia e visitas de Abascal ao palco de Vallecas. Houbo ruído. Máis ruído que propostas, de feito. E seguirao habendo, abofé. Arrasou Ayuso, por certo. Por se non se decataron. E necesitará a Vox, como xa intuirían, aínda que lle bastará coa súa abstención.

O 4-M cobrouse unha peza maior, Pablo Iglesias, talvez o mellor orador que pasou pola política española en lustros e o artífice dun dos fenómenos políticos do que vai de século. 

Algúns ven en Ayuso a confirmación doutro fenómeno que a esquerda se obstinou durante meses en cualificar de paranormal cometendo un erro recorrente en política: menosprezar o rival e, o que é máis grave, os seus votantes. E as urnas pasaron factura. Pero non se equivoquen, Ayuso non ten nada de paranormal e nin tan sequera de excepcional; o seu éxito responde a un patrón moitas veces visto.

O seu populismo localista puído case ata a perfección en tempos de pandemia bebe dos mesmos mananciais argumentais que, paradoxalmente, moitos dos nacionalismos periféricos que Madrid nunca logrou entender. "Ódiannos. Loitemos xuntos contra ese inimigo que nos oprime: [encha aquí co nome do goberno ao que desexe confrontarse: neste caso Moncloa]". 

Sería inxusto reducir a iso o triunfo de Ayuso. Soubo aproveitar a mediocridade ou falta de pericia da competencia e a extenuación coa que chegaba a cidadanía a esta cita electoral. Nese mar embravecido que nos deixa a tormenta pandémica, Ayuso capitalizou o cansazo dos madrileños cunha campaña de mercadotecnia tan brillante como distópica. Nin ela é a liberdade nin enfronte estaba o comunismo. Pero o importante é que o relato cale. E vaia se calou. 

Non hai máis que ver a festa de Xénova, onde hordas de ayusers celebraron o triunfo da nova musa da dereita. Pero Ayuso non é Juana de Arco. Semella pouco viable que o seu fenómeno cruce o Guadarrama e se propague por todo o Estado. Poderá haber callos a la Ayuso nun bar de Chamberí, pero dificilmente triunfará unha fabada a lo Ayuso nunha taberna calquera de Cangas de Narcea. O discurso madrileñista de Ayuso restrinxe o seu ámbito de acción, igual que o viguismo de Abel Caballero limita as aspiracións do señor do Nadal máis alá da ponte de Rande. 

En Galicia naceu precisamente, naquelas autonómicas de 2012 que catapultaron a Age, a amizade entre Pablo Iglesias e Yolanda Díaz. Dimitido o primeiro, a responsabilidade de reconstruír a alternativa rupturista á dereita recae agora na segunda. Custa pensar que Iglesias non seguirá operando na sombra, queimado como estaba xa para a primeira liña polos ataques continuos da dereita e polo fastío que supoñía ata para os seus correlixionarios o seu personalismo abafante. A súa marcha do Goberno hai algo máis dun mes ata pode parecer agora o primeiro paso dunha retirada perfectamente calculada que tiña a súa derradeira parada este 4-M.

Malia a suba de escanos de Podemos, a insignificancia do quinto posto confirma o mal endémico da esquerda máis progresista. Parte do seu electorado, que no caso da formación morada se constituíu arredor do xa lonxano 15-M, séntese decepcionado pola dificultade de levar á práctica as soñadas políticas rupturistas.

Tamén ten Podemos fugas pola dereita desde hai tempo. Aí gaña o errejonismo, representado este 4-M pola solvente Mónica García, a maior triunfadora da noite fóra dos focos principais. Gabilondo, candidato interposto co que se presentaba Sánchez, foi o gran derrotado. Quizais o seu perfil buscadamente soso, serio e formal sexa precisamente a salvación do PSOE á hora de crear relato logo da derrota. Equivocámonos de candidato, señores. Só foi iso. Pedimos perdón. Pero é un aviso para os que habitan hoxe A Moncloa. 

Quen non pedirá perdón porque é unha palabra que non entra dentro do seu vocabulario é Vox. Necesaria para que Ayuso goberne malia á ruptura anunciada por Casado hai uns meses –"Hasta aquí hemos llegado", dixo en outubro–, a formación ultradereitista ve freada a súa expansión. Imaxínese o difícil que debeu de ser nalgúns dos fogares máis conservadores de Madrid, no barrio de Salamanca ou nalgunha urbanización de La Moraleja, elixir entre Abascal ou Ayuso. A delgada liña verde. E ese foi o mérito de Ayuso precisamente. Picar de aquí e de acolá, reter potenciais fugas cara a Vox, zugar todo o sangue de Ciudadanos (DEP) e rapiñar no celeiro socialista algunha que outra papeleta coa promesa de cañas e liberdade. Non é pouco. Esta é a democracia que temos. Moi parecida á que tiñamos. Moi semellante á que teremos. Un brinde ao sol. Unha caña ao aire. Ata dentro de catro anos (dous neste caso).

Comentarios