Opinión

Obradoiro, o principio do Camiño

Breoganistas en feudo inimigo. H.C.
photo_camera Breoganistas en Sar.

DIGAMOS QUE o Breogán segue a un pasiño da Copa do Rei. Que é o que importa. Digamos que o Breogán selou unha primeira volta marabillosa no seu regreso ao lugar que lle corresponde. Que é o que pasou. Digamos que nas bancadas do Sar se escoitaron ata o final as gorxas indestrutibles dos breoganistas. Malia a derrota. E digamos, xa postos, que o Obradoiro foi mellor. Que non pasa nada. 

Non fai falla que digamos que Musa non estivo, desta volta, de museo. Nin fai falla que contemos que a Mahalbasic se lle apagaron as luces ante Birutis. Nin que os árbitros... ai os árbitros! Non fai falla que recordemos nada disto porque xa o viron as ducias de breoganistas que, malia os prezos desorbitados, se infiltraron en cada recuncho da caldeira do Sar, onte máis quente do habitual no que vai de curso.

O Sar, alí onde o Breogán, e isto tampouco fai falla que o digamos, segue sen gañar na nova era do Obradoiro, a que se iniciou cando o bico da Xustiza o espertou do seu letargo. Non fai falta que digamos tampouco nada de Raúl, que esa historia xa a saben e agora, pasados tantos anos, non lle importa a ninguén. 

O que si temos que dicir é que o derbi galego, o primeiro sen a Freire, foi exemplar malia a que as bancadas só podían estar ao 80% polo maldito covid. Faltaría máis. Con homenaxe aos veteranos de ambos bandos incluído mentres de fondo soaba ese himno á nostalxia no que se converteu Cuando fuimos los mejores. Un encontro así na máxima categoría debe disputarse todos os anos. Sen excepción.

Tamén debemos dicir, e que non se esqueza, que o Breogán chegou a el sendo lixeiramente favorito por primeira vez en moito tempo. Todo o favorito que se pode ser nun derbi, claro. E iso, para cada breoganista, é motivo de orgullo. Notábase no sorriso dos fieis celestes cando chegaban ao feudo inimigo. E notábase tamén cando marcharon coas bufandas en alto. Como sempre, por outra parte. E iso tamén o debemos contar. 

Talvez se perdeu o derbi, a derrota foi incontestable, pero perdelo así doe menos. Porque o barco deste Breogán navega vento en popa e case nin importa quen leve o timón. Algún miraba onte ao banco e preguntábase a quen lle tocaba adestrar esta vez. Máximus? O da mopa? Non pasa nada. Non hai escusas. O derbi foi só un descanso no camiño. Porque o Camiño non acaba no Obradoiro. O Obradoiro é só o principio. E Granada queda de paso.

Comentarios