Opinión

Municipais sen galácticos

CATRO ANOS atrás, Telmo Martín transmutouse en Florentino Pérez, co que xa compartía a profesión de construtor, e fichou un galáctico para a lista coa que aspiraba a darlle a alcaldía de Pontevedra ao PP. David Cal, o Zidane das padexadas, foi o seu número 5, saíu electo e, cumprido o seu cometido de atraer unha presada de votos, renunciou á acta catro días despois das eleccións. De cara ao próximo 24-M parece que esas incorporacións estrela perderon forza. Hernández fracasou en Santiago no intento de fichar o fondista Pedro Nimo. E en Ferrol, o regreso de Juan Fernández ao PP prívanos da presenza dos ex do Oar, como Lavodrama ou Manolito Aller, cos que adoitaba pór músculo nas listas do seu partido independente. É certo que aínda quedan exemplos, como o do popular José Crespo, que fichou ao capitán do Lalín, ou o de Juan Cabrejo, ex do Compos, que cambiou o PSOE de Camariñas por Pacto por Ames, un grupo de escindidos do PP. Pero máis que 'zidanes', como Cal, semellan os 'pavones' daquela política de fichaxes que fixera célebre Florentino hai xa máis dunha década na Casa Branca.

Comentarios