Opinión

Lambonadas

Lambonadas
photo_camera Xerras de azucre.

FOI UNHA desas veces nas que te estafan, pero que, de tan ben que o fan, só che queda aplaudir ao vendedor. Logo, mentres te afastas daquel infecto posto ambulante de caramelos e regalicias, buscas explicación a como pagaches 10 euros por 300 gramos de azucre e xarope de glicosa cocidos. Sabes perfectamente que te seduciron as lambonadas con forma de xerra de cervexa. Así de simples son algúns cerebros.

Finalmente levas unha á boca. Percibes o sabor a limón reseso e notas como se van atrofiando as arterias ao paso desa xelatina velenosa pagada a prezo de megawatt/hora. Sería máis san un caldeiro de unto. Abofé. Pensas que, agora si, aprendiches a lección. Que non te van volver enganar. Pero sabes perfectamente que estás subestimando a túa propia imbecilidade e que acabarás caendo na seguinte chambonada que che entre polos ollos. 

Comentarios