Opinión

Gravatas

DCF 1.0
photo_camera Gravatas. ARQUIVO

AÍNDA QUE quixese seguir o consello enerxético de Pedro Sánchez non podería. Nunca levei gravata. Arrepíanme as súas connotacións de clase, a súa identificación con altos executivos, banqueiros usureiros, políticos desapiadados e demais ladróns silandeiros que habitan na alta sociedade.

Porén, nesta ocasión gustaríame levar gravata só para poder quitala. Calquera aceno é bo na loita contra o cambio climático, a verdadeira batalla dos nosos tempos. Os lumes que tinguiron de negro o verde Courel, os 40º que se superan día si e día tamén no Ribeiro, a seca prolongada... que máis sinais necesitamos para actuar?

Quitar a gravata é conterse co aire acondicionado, apagar as luces innecesarias (ou polo menos non acender as de Nadal en pleno agosto), consumir con xeito e facelo en clave de proximidade, evitar a sobreembalaxe no súper, reciclar, empregar o transporte público... E todo isto hai que facelo xa. Sen demora. Se non, pronto teremos a auga ao pescozo enchoupando as nosas inútiles gravatas tecidas en nome dun falso progreso que só nos conduce, coma nunha tola carreira de Mad Max, cara á desaparición do planeta. 

Comentarios