Opinión

Un domingo nada memorable

Santiago, visto desde o Monte de Deus. O fotógrafo prefire manterse no anonimato. jpg
photo_camera Santiago, desde o Monte de Deus. O autor da fotografía, preguntado por se quería que se lle atribuíse a mesma, aclarou que prefería manterse no máis estrito anonimato

COLLÍN O portátil coa firme intención de plasmar nestas liñas o que levaba camiño de converterse nun domingo nada memorable. O máis substancial, ata entón, fora un paseo ata o Monte de Deus que me regalara unha nova panorámica desa crista de igrexas e conventos que conforma o skyline compostelán. O resto do día fórase consumindo, devagar, entre a lectura dun libro de Cid Cabido sobre o asasinato de Antonio Alfageme e os sorbos entrecortados a un rooibos con vainilla notablemente mellorado con mel de Lóuzara. De fondo, sen volume, un Alondras-Barbadás completaba o cadro dunha xornada realmente anodina en Concheiros, 45. Ata que todo fixo crac. Unha alerta dun xornal no teléfono. Un calafrío: "Bertín y Fabiola (non a raíña nin a conselleira, senón a ¿modelo? venezolana) se separan". Non somos nada.

Comentarios