Opinión

A derradeira foto de Aylan

AYLAN KURDI chegou, cadáver, a unha praia de Turquía. Tiña tres anos e fuxía da guerra siria xunto coa súa familia na procura de ese novo El Dorado que é Europa. O seu corpo, inerte sobre a area, foi captado polo obxectivo de Nilufer Demir. A foto, durísima, deu a volta ao mundo e espertou un vello debate: o da pertinencia ou non de publicar este tipo de imaxes. Non tardaron algúns en clamar contra os medios de comunicación (que no seu historial teñen innumerables mostras de pasarse a ética polo forro, folga dicir). Pero esta vez a función informativa da instantánea supera calquera cortapisa deontolóxica. A foto fala dun drama que moitos non queren ver. A foto remove conciencias. Quizais por iso nos moleste en Occidente, no noso oasis de felicidade no medio dun mundo árido que, en contra do que moitos pensan, non xira arredor do último concerto de Justin Bieber, senón que vai debuxando a súa historia día a día co sangue de refuxiados, nenos-soldado e mulleres maltratadas. Por iso, descúlpenme, non compro o de que "esta foto só é morbo", como proclaman algúns que se escandalizan pola crueza da humanidade apodrecida que somos mentres, comodamente sentados na terraza dun chiringo de praia e cun daiquiri na man, ven na súa tablet a derradeira foto de Aylan Kurdi. 

Comentarios