Opinión

Paula só vía o mar

SABIAMOS QUE a xornalista ribeirá Paula Abraldes loitaba contra o maldito cancro, pero recibimos a morte da moza (tiña só 31 anos) coma quen pretende saír dun pesadelo. Erguemos a cabeza e só vimos as ruínas dun castelo. Ruínas.

Paula Abraldes foi a miña mellor amiga nos tempos da carreira, vividos en Madrid. Podo vela dende diversos ángulos, sen sacrificar as súas esencias: a negra cabeleira indomable, o contaxioso sorriso, a humildade, a desenvolta conciencia, o afán de superación… Paula, no metro, orgullosa do seu seseo e da súa gheada. Paula, maga do humor negro, enfeitizada nos concertos de Andrés Calamaro, Quique González, Nacho Vegas, Andrés Suárez e outros cantautores. Paula, conquistando a paz interior na Ría de Arousa, que case cingue a súa casa familiar. Paula, de tertulia cos meus pais, como se os coñecese de toda a vida. Paula, actriz de formación e dramaturga intuitiva, esperando a Godot. Paula, contra os caducos métodos dalgúns dos nosos profesores, aqueles que non ratifican as definicións a través da práctica. Paula, explicándonos, cun realismo abraiante, ós seus amigos complutenses: «Yo me juego mucho. Si no apruebo todo en junio, dejaré la carrera y volveré a Ribeira; allí me pondré a trabajar recogiendo marisco». Paula, contratada pola Xunta de Galicia —antes de rematar a licenciatura— para traballar no gabinete de prensa da Consellería de Medio Rural. Paula, presentando —chea de vida— o programa musical ‘Tolemias’, na TVG. Paula, combatindo a quimioterapia coa arma do humor, aproveitando cada día como se fose o último e, inspirando, en consecuencia, ó seu admirado columnista Xosé Carlos Caneiro.
 
Dóeme que Paula Abraldes e mais eu case perdéramos o contacto nos últimos cinco ou seis anos, pero para min sempre foi (e será) especial. Penso nela: e, de súpeto, escoito o eco dunha canción de Lucio Dalla, onde o protagonista «…só vía o mar / e unha casa branca no medio do azul». Igual que Pauliña. Gloria haxa quen tanto me fixo rir e me entendeu na primeira xuventude.

Comentarios