Opinión

Mestre merlo

CHEGA XULLO, e o merlo —coa tarefa cumprida da crianza— pide descanso. Dende o final do inverno, ningún acontecemento conseguiu deter, nos crepúsculos, o caudal da súa gorxa. Un moitas veces tivo a impresión de que nos momentos acesos, cando a súa parella se atopaba no período de máxima fertilidade, as inflexións do merlo acariciaban outros planetas. Incontables poetas viron no paxaro esa conquista da trascendencia. «Y ensancha con su canto / la hora parada de la estación viva / y nos hace la vida suficiente», escribiu Juan Ramón. E a Cernuda debémoslle esta outra gabanza: «Desde el aire trae a la tierra alguna semilla divina, un poco de luz mojada de rocío, con las cuales parece nutrir su existencia, no de pájaro sino de flor, y a las cuales debe estas notas claras, líquidas, traspasando su garganta». Ningún merlo canta igual: cada paxariño tece as ricas melodías que interpreta, das cales ofrece variacións con gran sentido harmónico; e, ademais, deixa moito espazo á improvisación. Sen colidir con ese selo persoal, a ave, frautista proteica, representa ás veces sons do seu territorio. Na primavera do ano pasado, cando estaba ultimando a miña tese doutoral, ó facer algún descanso, poñía na cadea as intensas baladas ‘soul’ que interpretou Gene Chandler e que firmou o seu amigo Curtis Mayfield: ‘Just Be True’, ‘What Now?’, ‘Rainbow ‘65’... Eu abría unha das fiestras que dan ó noso xardín, e alí estaba o merlo que temos por veciño… Mentres admiraba o seu brillante peteiro amarelo —a xogo co anel ocular—, o canoro animal comía, sen espantarse, as migas que meus pais e eu lles deixáramos a el, ós paporrubios, ós pardais… Pois ben, unha tardiña quedei abraiado cando o merlo incorporou ó seu repertorio, con total naturalidade, algunhas das notas do retrouso de ‘What Now?’. Síntome honrado, xaora, de ter influído un chisco a unha criatura exemplar que me regalou a máis pura e suxestiva das diccións. Aínda non puxeches un dique na túa gorxa, mestre merlo, e xa me tarda que volvas exercer de mensaxeiro da primavera. Quen me reconciliará agora coa realidade?

Comentarios