Opinión

José Mediante

QUIZABEIS MELLOR que dicilo sería cantalo. Chamábase José Antonio Mediante Pereiro, e no noso Santiso de Abres natal (onde exercía de zapateiro) todos o coñecían polo seu primeiro apelido, Mediante. El e a súa muller —Elisa— coidáronme cando era moi cativo, e tratáronme coma un fillo, o fillo que nunca tiveron. Na súa zapatería, Mediante aprendeume a camiñar, do cal se sentía orgulloso. Si, ouvíndolle contar o relato dos meus primeiros pasos, calquera diría que obrara un milagre... O certo é que a moitos dos nosos veciños si lles parecía milagroso que un señor bébedo e impetuoso se volvera, nun repente, manso, vulnerable e tenro fronte a unha criatura descoñecida. 

Nado na aldea da Antigua, Mediante tampouco foi comprendido pola súa labrega familia, nin sequera nos seus últimos días; os tipos pintorescos —xa se sabe— van sendo cada vez menos nesta sociedade ridiculamente uniforme. Certamente, Mediante blasfemaba tanto ou máis que os outros homes santiseiros, pero se lle dicías unha frase amiga, a súa ollada volvíase limpísima, transparente. Imaxino que o ambiente extremadamente machista dun pobo tan afastado das cidades acabou por conferirlle un aspecto áspero, que en realidade cumpría as funcións dun parapeto, pois non coñecín a ningunha persoa máis nobre e xenerosa ca el. O meu amigo era, en fin, coma o toxo, que atravesa luvas e, ó mesmo tempo, acende, no luscofusco, os ollos do camiñante sensible. 

Eu era un pícaro falcatrueiro e ben observador. Foi Mediante quen me salvou da monotonía, quen atizou as miñas ensoñacións. Así, cando íamos ó horto que lle cedera meu avó, alí onde din A Redondela, o zapateiro subíame á súa carretilla, regalándome unha marabillosa viaxe polo campo. O aire enchíase de brancura ó acariñar a miña faciana, a única parte dun servidor que sobresaía dentro do devandito vehículo. Sen saber como expresala, eu tiña a sensación de que desembocabamos nun reino onde o tempo se suspendía; acolá non existían regras ou límites. No tránsito da Redondela á Granda ou a Robaín, a un faltábanlle ollos para retratar os animais (esquíos, donicelas, merlos, tordos, paporrubios, bolboretas…) cos que nos cruzabamos. Nunca un agasallo coma este —penso eu— lle foi feito a un neno.
 
 

Comentarios