sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

Canción para Lisa


Estes últimos días tiveron para min un sabor agridoce: por unha banda, meus país viñeron visitarme a Bolivia; e, por outra, os tres enterámonos aquí da morte da querida Elisa González, quen me coidou —xunto ó seu marido, José Mediante— cando era cativo. Ámbolos dous tratáronme sempre coma o fillo que nunca tiveron. Católica convencida, Elisa era o súmmum da xenerosidade e da humildade, valores que hoxe cotizan á baixa. Contaxiados quizabes polo seu carácter tenro, os amigos e familiares chamábamoslle ‘Lisa’, verba que soa coma o asubío do noso admirado merlo, ou coma a brisa movendo as follas dos amieiros…

Pouco importa que entre Elisa de Mediante e mais eu non existiran vínculos de sangue: estamos ante unha das persoas que máis se implicou en todas as etapas da vida de meu. Lembro unha anécdota que data de 1993. Elvira de Robaín —a miña tía avoa emigrada a Bos Aires— viñera pasar o verán ó noso Santiso natal; eu, que tiña 5 anos, encariñárame coa señora; admiraba a súa valentía e fascinábanme as doces verbas (‘pileta’, ‘valija’, ‘pibe’…) que traía de Ultramar. Pois ben, dende a primavera do 94, cada vez que paseabamos polo miradoiro do Bedrín e ollabamos un avión, Elisa —sen separar a vista do ceo— dicíame: “Mira, Hectorín, aí vai a tía Elvira camín da Arxentina!”, e, inmediatamente, os dous sorriamos. Aquela fantasía (que tiña forma de flashback) expresaba oblicuamente unha esperanza: a irmá do meu avó Paco xa había un tempo que regresara ó seu país de adopción, e, como nos botaba en falta, non podía tardar moito en volver visitarnos. Esa maneira de pensar tan candorosa e imaxinativa distinguía a Elisa doutras veciñas. Por certo, a tía Elvira cumpriunos o gusto sete anos despois.

Dona dunha paciencia infinda, Elisa acompañoume nas miñas primeiras andanzas artísticas e comunicativas. Entre os 9 e os 11 anos, influído pola miña nai, simulei a emisión dun programa radiofónico en diferido; eu prepáraballe a Elisa os guions das súas intervencións, e ela lía aquelas liñas cunha voluntade de ferro. Se se trabucaba, sempre estaba disposta a repetir a gravación as veces que fixera falta, só por compracerme: proba inequívoca dun amor sen límites.

Na puberdade, desenvolvín un carácter introspectivo e adentreime na poesía, mais seguín plenamente ligado a José e a Elisa. Xa con 18 anos, xusto despois da morte de Mediante, emigrei a Madrid para estudar Xornalismo. Cando retornaba a Santiso, polo verán ou polo Nadal, Elisa era a primeira en visitarme. Mirábame como se estivera descubrindo un novo planeta, e comíame a bicos. Cando estaba a piques de partir cara a Bolivia, a miña amiga xa se atopaba un chisco delicada, e mandou aviso a meus pais de que prefería evitar a nosa despedida. Fíxenlle caso. Pero, afortunadamente, tivemos ocasión de reencontrarnos no último Nadal, trazando así un amor circular.

Querida Lisa, ti para min es máis que unha amiga insuperable: es “a miña segunda nai”, como che gustaba que subliñase. Alí onde esteas, sei que poderás escoitarme; grazas á túa motivación, perdín o medo escénico e aprendín a cantar ben alto. 

Canción para Lisa