Opinión

A poesía é semente

GOETHE, YEATS, Kavafis, Pound, Lorca… Conservo varias antoloxías da colección ‘Mitos Poesía’ que Mondadori publicara a finais dos 90 —na miña nenez— e que me regalara, cando eu xa era mocete, un primo algo máis maior ca min, o querido Jose do Castro. “Queda con elas”, dixérame, “que eu xa as teño moi lidas”. Aquelas edicións de peto estaban especialmente dirixidas á xuventude, de aí o baixo prezo (350 pesetas), a distribución en quioscos, os textos escollidos con delicadeza e as presentacións, que lembraban ás dos cedés, non só polas vistosas portadas, senón tamén polo tamaño. Todo iso propiciou que un fato de adolescentes e xoves adultos penetrase na mellor poesía sen medo, lonxe das pompas, ata comprender que a beleza deste xénero é purificadora: por unha banda, nun arrastre sensitivo, troca —amplifica— a percepción do lector, incitándoo a que ache a súa verdadeira identidade (ou a que se reconcilie con ela); e, por outra, ó conxugar (por vía do estético ritmo) referencias culturalistas, coloquialismos e vulgarismos, fomenta a querenza pola diversidade. Pouco lle debeu de importar iso a Iberia, que daquela rexeitou a proposta de Mondadori, consistente en agasallar con libriños de ‘Mitos Poesía’ ós pasaxeiros da Ponte Aérea entre Madrid e Barcelona. A compañía aduciu que esa lectura “podía ser demasiado arriscada e forte” para os seus clientes. O arriscado é ser cidadáns dunha sociedade na que o egoísmo leva décadas medrando mentres moitos poderosos nos ocultan os lenitivos… Dito o cal, ‘Mitos Poesía’ tivo unha recepción sorprendente, chegando a vender un millón de exemplares.

Dende o pasado verán, Penguin Random House distribúe a colección ‘Poesía Portátil’, coa que retoma precisamente o bo labor de ‘Mitos Poesía’. O xigantesco grupo editorial, no cal está integrada a antiga Mondadori, xa leva publicados —cun prezo de 4,90 euros— oito números; a escolma de Pizarnik (‘En esta noche, en este mundo’) paréceme exquisita. Terá ‘Poesía Portátil’, con Safo ou Neruda, unha influencia minimamente considerable entre os raparigos, coma a que tivera a colección pioneira? Nas redes sociais (onde os mociños fedellan tanto) só un público adulto está a saudar o proxecto lírico de Penguin Random House; non me estraña a indiferenza, pois, en termos artísticos —vou alén da literatura, que os referentes neste eido son residuais—, o gusto adolescente dexenerou abondo. Hoxe a maioría —alienada— escoita decote o monocorde e basto reguetón, e segue con fervor ‘Operación Triunfo’, un dos programas que máis ten contribuído a desdeñar a cultura do esforzo e a identidade dos artistas xenuínos. En efecto, a sutileza inherente á poesía atópase nos antípodas deses patróns dominantes tan banais. De todos os xeitos, a lírica é semente antes que froito; pode permanecer —e sempre permanece, til máis, til menos— allea ás modas, pero, finalmente, acabará pousándose nela unha criatura soñadora, a cal endexamais esquecerá o consecuente estouro emocional (o primeiro de tantos). Como sentenciara Octavio Paz, “A poesía consagra o instante”.

Comentarios