Opinión

O reto do Carme

CHEGAN AS eleccións municipais e con elas un novo horizonte: Lugo 2023. Moitos retos á fronte, pero un moi especial: que sucederá no barrio do Carme nos vindeiros catro anos? Quen goberne terá ante si a oportunidade de marcarse un dos maiores puntos políticos da historia de Lugo, ou, pola contra, quedar marcado para sempre no caso de que se arruine unha xoia tan incriblemente preciosa e única no mundo.

O barrio natal de San Froilán, o da Vía Romana XIX ou do Camiño Primitivo pode pasar de ser un encantador reduto rural, ecolóxico e libertario a converterse en algo se cadra aínda máis fermoso: nun barrio igualmente verde, igualmente rural, pero máis aberto ó resto de lucenses e terrícolas.

O Carme verde. GUIDO ÁLVAREZ

Poñer en valor a única ventá dende a Muralla ó Miño e a súa historia bimilenaria, poñer en valor o encanto do Regueiro das Hortas (a rúa máis fermosa de Lugo) e a súa potencialidade como o Camiño de Santiago orixinal que é, rehabilitar e potenciar a habitación do barrio como se fixo e se está a facer na Tinería, estimular iniciativas culturais que potencien e lle dean vida á zona...

Imaxinades o que sería pasear dende o Lugo Patrimonio Mundial ata a Reserva da Biosfera Terras do Miño atravesando unha aldea do rural galego con dous mil anos de historia e unha riqueza de flora e fauna propias dun Parque Natural? Poucas cidades do mundo poderían permitirse soñar algo semellante.

Loitemos por elo, goberne quen goberne nos vindeiros catro anos, e non deixemos que O Carme se convirta noutro pano de bágoas coma o Gran Teatro. Que no 2023 teñamos moito que festexar e pouco que chorar

Comentarios