Opinión

Estrelas no Camiño

O pasado sábado 17 de setembro rematamos en Monforte de Lemos un ciclo moi especial de paseos guiados por 8 localidades xacobeas da provincia de Lugo. Unha primeira experiencia que creo podería estenderse no tempo visto o éxito de participación (máis de 200 participantes galegos e de moi diversas procedencias de todo o mundo), de repercusión nas redes sociais, e polo tanto de promoción e divulgación do enorme patrimonio histórico e natural do noso territorio.

Comezamos na primavera (mes de abril) co Camiño Primitivo en Lugo e os recordos do primeiro peregrino da historia (o rei Alfonso o Casto), continuamos co Camiño Francés ao seu paso polo vello e o novo Portomarín, viaxamos logo ao Camiño do Norte no Mondoñedo medieval, proseguimos camiño arriba ata o Ribadeo dos indianos, atravesamos as montañas para descubrir a gran historia da Fonsagrada, volvemos ao medievo -neste caso chairego- para apaixonarnos coa soñadora Vilalba e os seus ilustres literatos, fascinámonos coa cosmopolita Sarria de Alfonso IX, e rematamos co Camiño de Inverno ao seu paso pola cidade de Monforte de Lemos.

No meu caso son xa 7 anos percorrendo como guía a xeografía da nosa provincia, acompañado en todo este tempo por persoas de máis de 100 nacionalidades que ano a ano corroboran a miña crenza da atracción xerada polas nosas paisaxes, historias e personalidade. O Camiño é un eixo que beneficia, e moito, a Lugo como unha das provincias atravesadas por máis camiños oficiais (de momento catro pero haberá máis)... pero de nós depende a medida na que queiramos aproveitar ese potencial para poñer en valor os grandes recursos patrimoniais dunha provincia que pode aspirar perfectamente a ser referente mundial dun turismo sostible, ordenado e equilibrado. O Camiño, a Muralla, a praia das Catedrais ou a Ribeira Sacra son só algunhas das grandes estrelas dunha constelación chea de planetas que merecen visita e poden axudar e axudarán a desconxestionar os puntos máis saturados do turismo galego. Que viva a nosa historia, que vivan as nosas cidades e vilas, desexando vervos pronto.

Comentarios