Opinión

A verdade en tempos de ira

Unha das consecuencias do devastador  efecto das políticas neoliberais sobre a maioría social é a proliferación de actitudes entre autoritarias e filofascistas, alentadas por medios afíns aos grupos de ultradereita que lles dan cobertura política. 

A ultradereita nin é un exabrupto político que emerxe casualmente nin inocente a súa normalización. Representa o intento do capitalismo de controlar socialmente aos más afectados pola precariedade e a frustración provocadas precisamente polo modelo neoliberal que aplica. Pretende desviar o malestar social, do que incluso extrae réditos, ocultando o feito de que son as desigualdades de clase as que o provocan. 

Esta estrataxema é global, pero afecta moi especialmente á percepción, coñecemento e interpretación da realidade e, polo tanto, ó problema da verdade. 

Tan insensata resulta a postura de quen defende unha verdade absoluta como a de quen renuncia ó escepticismo prudente en prol dun relativismo extremo que rexeite calquera intento de busca e aproximación á verdade. A primeira é propia de xente con vocación autoritaria, dogmática, mítico-relixiosa e anticientífica. A segunda é o refuxio dos que practican o ‘todo vale’ para non ter que xustificalo. 

Ademais, non son poucos os supostos intelectuais que intentan avalar a súa equidistancia confundindo obxectividade e neutralidade e empregando a palabra ética a modo de tótem descontextualizado para facer dixerible o socialmente vomitivo. 

A arbitrariedade que implica o poder maniféstase tamén na capacidade para impoñer, en contra do observable, unha percepción da realidade, o que é verdadeiro ou falso, razoable ou absurdo. Moitos cidadáns, imbuídos dun seguidismo tribal, quedan constrinxidos violentamente nun marco referencial que os anula, impedíndolles discernir entre os seus intereses obxectivos e os dos seus inimigos de clase e provocándolles unha frustración insoportable. 

A canalización da frustración acumulada a través da banalización e normalización social de alternativas violentas contra todo, agás  contra o que a ocasiona, a ira desbocada, a incitación ó odio, a substitución do diálogo polo insulto e a necesidade de autoafirmación a costa da humillación e a agresión aos máis débiles, están firmemente inseridos na dinámica social. A busca da verdade é unha práctica en desuso porque o bulo e a mentira foron entronizados como poderosa arma política polos medios e polas redes de internet que facilitan o consumo acrítico e fetichista da información circulante, reforzado pola interactividade e co agravante frecuente da impunidade e o anonimato irresponsable.

O poder impón a realidade terxiversada (chámanlle relato) e o mesmo converte en exemplar á colonialista, imperialista e plutócrata raíña de Inglaterra, que, en pleno incremento da desigualdade, tacha de anacrónico falar de pobres e ricos, camufla como moderado ao enganoso e moi reaccionario Feijóo, chama dereita sen máis ao triunfante fascismo italiano, defende que eximir de impostos aos ricos fará felices aos demais ou fai crer que o  incumprimento da lei polos xuíces non ten que interesar á xente do común. Estas e outras moitas falacias arraigan sen a reacción dunha cidadanía predisposta a deglutir e reproducir o que lle boten.

Por iso, espertar do letargo patolóxico e reconciliarse coa verdade, entendida como permanente proceso de busca, é un xeito de superar a alienación que asexa por todas partes. Esta actitude, humana e humanizadora, favorece o coñecemento liberador e a apertura empática nas relacións interpersoais, presididas por unha moral social ausente hoxe, pero que paga a pena practicar para que a indiferenza non acabe lexitimando a barbarie.

Comentarios