Opinión

Negacionistas das clases sociais

A clase dominante asentou no imaxinario colectivo a idea de que é impropio falar hoxe de clases sociais porque o capitalismo superou as condicións dos séculos XIX e XX. Os propagadores desta andrómena son os mesmos que negan que a corrente involucionista e autoritaria que nos invade sexa fascismo porque o limitan á primeira metade do XX. A realidade desenmascáraos. Como explicar, se non é desde a perspectiva de clase, a desigualdade crecente e que as expectativas vitais das persoas están supeditadas a súa posición social?

As elites afánanse na distorsión social que supón a negación da existencia de clases porque saben que, se cala esa falacia, será o seu mecanismo de control social máis eficaz. Provocará a perda da conciencia de clase dos traballadores que, sen sentido de pertenza e sen percibir os seus intereses como antagónicos co capital, renunciarán á loita de clases como ferramenta de transformación social.

Ante a indefensión dos desclasados, a clase dominante, concienciada como tal, aviva a loita. O multimillonario Warren Buffett recoñecía que "hai unha guerra de clases, pero é a miña, a dos ricos, a que a impulsa e imos gañando". Mentres, os alienados non se decatan de que están inmersos na guerra total (económica, cultural, ideolóxica, política...) e que, como reflicten os datos de precarización e desigualdade, a van perdendo.
Non é doado resumir o enorme potencial do capitalismo para adulterar a realidade e desvincular a división en clases, que lle é propia, da desigualdade social.

O éxito do neoliberalismo impoñendo a mercantilización e o individualismo, a competencia entre os traballadores, a conversión da socialdemocracia en socioliberalismo, o parlamentarismo inútil, o desprezo do racional, a campaña de desprestixio dos sindicatos de clase, os complexos e as inhibicións de certa esquerda e as crises cíclicas, reais ou ficticias, que provocan un medo paralizante e reaccionario, contribúen ó desclasamento.

As elites impulsan a atomización e fragmentación dos traballadores, establecendo unha división perversa (empregados e parados, precarios e mellor pagados, autóctonos e inmigrantes) tendente a quebrar a solidariedade e a conciencia de clase

Ademais, as elites impulsan a atomización e fragmentación dos traballadores, establecendo unha división perversa (empregados e parados, precarios e mellor pagados, autóctonos e inmigrantes) tendente a quebrar a solidariedade e a conciencia de clase e impoñen a súa "hexemonía cultural" en sentido gramsciano, linguaxe incluída. A reiteración do uso do termo "clase media", carente de rigor conceptual, anticipa o de "todos somos clase media", tan falaz como infalible para control e freo da clase traballadora. Fanlle crer que co esforzo é factible o ascenso de clase e sedúcena alimentando a idea dunha mesocracia ficticia para mantela nese estado aspiracional sempre frustrado. 

Nun mundo de aparencias e arraigada a aporofobia, ata os precarios, temendo ser percibidos por baixo do estándar de referencia socialmente aceptable, engánanse ata crerse nunha posición social (status subxectivo) esaxeradamente por riba da real (status obxectivo). O desclasamento é un feito consumado. Os dominados asumen mentalidade, moral, valores e ideoloxía dos dominadores.

Sen conciencia de clase non se pode interpretar correctamente a realidade e leva a confundir nivel de vida e clase social, rendas do traballo e rendas do capital. A persoa que depende do capitalista para un traballo que necesita ineludiblemente para vivir é clase traballadora, con independencia do salario.

A conxuntura actual non invita ó optimismo respecto á reversión da situación. Lograla pasa por avaliar o momento con rigor, aplicarse sen complexos para mudar a escala de valores hexemónica na procura da introdución do colectivo na conciencia individual e actuar desde os movementos sociais emancipadores para ir recuperando expansivamente a conciencia de clase. Só con ela será posible que a clase traballadora asuma os seus intereses obxectivos, supere a alienación e poida artellar un cambio estrutural orientado a superar a división clasista da sociedade.

Comentarios