Opinión

Luis Cernuda: desexo, realidade e compromiso

Permitídeme unha desviación da orientación habitual dos artigos e compartir con vos o recoñecemento e a reivindicación da poesía, tan necesaria como esquecida hoxe, da man de Luis Cernuda, un dos poetas máis próximos pola súa sensibilidade, humanidade e compromiso.
Soster que a mellor forma de achegarse a un escritor é léndoo non é óbice para que calquera contribúa a espertar o interese pola lectura da súa obra. Non terei a ousadía de realizar un estudo técnico-literario, senón invitarvos a realizar, coma min, esa reinterpretación en clave persoal que permite a poesía.

A afectividade, esencialmente humana, é transversal á obra de Cernuda. Unha corrente de emocións, sentimentos e paixóns («¿Para qué haber nacido con esta terrible facultad de apasionarse, entre gentes que sólo conocen el egoísmo y la indiferencia?») flúen continuamente, dándolles un acento especial ás formas de compromiso que contraeu o poeta: moral, de defensa, a contracorrente, da súa identidade afectivo-sexual e político en toda a extensión e grandeza da palabra.

‘La Realidad y el Deseo’, recompilación de case toda súa obra poética, publicada en 1936 e ampliada en sucesivas edicións, condensa no título o sentido do seu discorrer literario e vital. Esa tensión entre realidade e desexo transcende ó mundo cernudiano porque, ó ser común a todos os humanos, universalízase.

O soño republicano foi pronto abortado e Cernuda, escapando da barbarie, emprende un exilio sen retorno que o sumirá na desesperanza

Toda a nosa vida móvese entre o desexo escorregadizo e irrealizable e a impoñente realidade («un sello de clausura sobre las puertas del deseo») que nos afasta da súa satisfacción. Esta antítese supón en Cernuda unha distancia insalvable, contra a que se rebela, tanto na ansiada liberdade afectivo-sexual como na aspiración a unha sociedade máis xusta. Este antagonismo provócalle frustración, dor e amargura e o afunde nun pesimismo radical e un sentimento de soidade («como llenarte soledad, sino contigo misma») que, aínda que a admite, dificilmente a soporta.
Amor e desamor, paso do tempo, nostalxia e melancolía, sentimento da diferenza, vulnerabilidade propia recoñecida sen rubor e oposición entre a natureza como expresión libre de desexos e sentimentos e o entorno burgués, do que procede, que os reprime, empapan e fusionan o seu universo vital e poético.

Paralelamente vai medrando o seu compromiso social e político, implicándose na defensa da República e dos máis desfavorecidos.
Participa nas Misiones Pedagógicas, esa lúcida idea imbuída do espírito da Institución Libre de Enseñanza. Con elas chega no verán de 1935 a Castropol, concello terra-mar onde, caprichosamente, trazaron a división administrativa entre Galicia e Asturias. A súa paisaxe, idiosincrasia e inquedanza cultural, coa singular experiencia da Biblioteca Popular Circulante incluída, impactaron en Cernuda e ata o fixo protagonista dun relato (‘En la costa de Santiniebla’).

Pero o soño republicano foi pronto abortado e, escapando da barbarie, emprende un exilio sen retorno que o sumirá na desesperanza, da que só pareceu saír cando atopou un brigadista internacional dos que acudiran a rescatar á República e frear o fascismo que, malia as derrotas, mantiña intacta a fe na realización da utopía, o que lle inspirou un conmovedor poema, ‘1936’, que empeza interpelándonos a todos a modo de imperativo moral que asumo convencido («Recuérdalo tú y recuérdalo a otros»), que continúa defendendo a causa («Noble y tan digna de luchar por ella») y que remata así: «Gracias, compañero, gracias/Por el ejemplo. Gracias porque me dices/Que el hombre es noble/Nada importa que tan pocos lo sean:/Uno tan solo basta/Como testigo irrefutable/De toda la nobleza humana».

Comentarios