Opinión

A trampa de Tucídides

Tucídides era un aristócrata ateniense do que, durante a primeira parte da guerra do Peloponeso, no 424 a.C., foi nomeado estratego, confiándolle o mando dunha frota que debía acudir a socorrer Anfípolis. A súa demora permitiu que o espartano Brásidas tomara a cidade. Tucídides foi acusado de neglixencia grave, xulgado e exiliado de Atenas por vinte anos. Durante todo este tempo escribiu a súa obra ‘Historia da guerra do Peloponeso’. 

Por esta obra está considerado o pai da historiografía científica e do realismo político.

Derrotados os persas en Salamina e Platea, rematan as guerras Médicas e Atenas constítuese nunha gran potencia naval que, xunto coas cidades que formaban a Liga de Delos ameazaba o poder da gran potencia terrestre, Esparta, e tamén de Corinto; o que as levou ao enfrontamento e á guerra. Así, da guerra fronte a un inimigo común, os persas, pasouse á guerra entre as propias poles gregas.

O que coñecemos como Trampa de Tucídides é unha teoría formulada en 2015 polo politólogo estadounidense Graham T. Allison, para analizar a competición na que estaban entrando as relacións entre Estados Unidos, potencia hexemónica en declive, e China, potencia emerxente.

Allison estudou a ‘Historia da guerra do Peloponeso’ na que Tucídides narra como Esparta, a cidade-Estado grega máis poderosa, viu ameazado seu poder polo rápido ascenso de Atenas. O temor a que o poder de Atenas seguira medrando levou a Esparta a declararlle a guerra.

Aparte deste caso, como cita Henry Kissinger en ‘Orden mundial’, Allison estudou e documentou outros quince procesos históricos que involucran unha potencia en declive e outra en ascenso, concluíndo que en dez deles o conflito resolveuse pola guerra que ou ben afianzaba á potencia hexemónica ou ben daba paso ao dominio da emerxente. Como di Kissinger na obra citada, «é inevitable que a potencia en ascenso impacte sobre algunha das esferas ata entón tratadas como prerrogativa exclusiva da potencia establecida. Do mesmo xeito, a potencia en ascenso sospeita que o seu rival intentará esmagar o seu crecemento antes de que sexa demasiado tarde».

Con todo, non sempre se ten por que caer nesta trampa e, de feito, o propio Allison defendía que Estados Unidos debería facer ver a China que nunca podería gañar unha guerra contra eles, e así relaxar pacificamente a tensión. 

No tempo transcorrido desde 2015, as cousas cambiaron substancialmente, como nolo recorda o precandidato demócrata á presidencia norteamericana Robert F. Kennedy Jr., que curiosamente coincide bastante con Donald Trump cando di que «o colapso da influencia dos EUA sobre Arabia Saudita e as novas alianzas do reino con China e Irán son emblemas dolorosos do fracaso da estratexia de manter a hexemonía global dos EUA con proxeccións agresivas de poder militar. China desprazou ao imperio estadounidense proxectando habilmente, en cambio, poder económico. Durante a última década, o noso país gastou billóns bombardeando estradas, portos, pontes e aeroportos. China gastou o equivalente construíndo o mesmo en todo o mundo en desenvolvemento. A guerra de Ucraína é o colapso final do efémero ‘século estadounidense’ dos neoconservadores. Os proxectos neocon en Iraq e Ucraína custaron 8,1 billóns de dólares, baleiraron a nosa clase media, converteron en ridículo o poder militar e a autoridade moral dos EUA, empuxaron a China e Rusia a unha alianza invencible, destruíron o dólar como moeda mundial e custaron millóns de vidas; e non fixeron nada para promover a democracia ou gañar amizades ou influencia».

Nestas circunstancias quizais o peor de todo sexa vivir nesa asimetría temporal na que saber se caemos na trampa pode ser case inmediato, pero saber que non caemos pode demorar aínda moitos anos.
 

Comentarios