Opinión

Rus e Rossiya

Cando deu comezo a actual guerra en Ucraína, moitos tratamos de buscar na historia, tanto de Ucraína como de Rusia, as claves para entender o conflito actual máis aló do que nos mostra a propaganda. Así, empezamos a asistir a conferencias, ler libros, artigos, a seguir a guerra nas redes sociais, e tamén na prensa de países como India que dan unha visión un pouco máis neutral do conflito.

Unha boa parte da literatura que trataba de atopar as orixes históricas do actual conflito remontábase ata a Rus de Kiev e aos mitos fundacionais das nacións rusa e ucraína, e así o fixo tamén o xeneral de Ayala Marín na magnífica conferencia que deu en Lugo, organizada polo diario El Progreso.

Á máis que plausible unificación das tribos eslavas por parte dos varegos, como orixe da Rus, seguiu a conversión de Vladimir, príncipe de Kiev, ao cristianismo ortodoxo no ano 988, precisamente en Crimea.

A chegada dos mongois da Horda de Ouro supuxo o sometemento e a separación do pobo rus. A parte occidental pasou a gravitar na órbita da Confederación de Polonia-Lituania, mentres que a parte oriental tivo que someterse aos mongois durante máis de tres séculos. O liderado de Kiev foi substituído polo dos príncipes de Vladimir, e máis tarde de Moscova, que viaxaban á afastada Sarai para xurar lealdade ao gran kan. Isto moldeou esta parte da antiga Rus cun carácter máis oriental.

Tamén se adoitaba falar, en todos eses artigos e conferencias, dese territorio, legalmente ucraíno, de Crimea e do Donbas, que reclamaban e ocuparon os rusos, e ao que estes últimos chaman Nova Rossiya, ou sexa, Nova Rusia. 

Eses territorios foron ocupados durante o reinado de Catarina a Grande, a finais do século XVIII a expensas do kanato de Crimea, último herdeiro da Horda de Ouro, e incorporados a unha Rusia (Rossiya) que buscaba o acceso a mares cálidos.

Antes de Catarina, o gran reformador, modernizador e europeizador de Rusia fora Pedro I o Grande. Cando Pedro tomou o título latino de imperator, isto supuxo un cambio de denominación da propia Rusia. Pasaba de ser Rus, entendido como patria étnica de todos os rusos, a Rossiya, termo helénico introducido por Pedro I para transmitir unha idea de identidade imperial que unise a todos os súbditos do imperio ruso con independencia da súa orixe étnica ou nacionalidade, e que viña a significar algo así como «Todas as Rusias», tal e como indica Orlando Figes na súa Historia de Rusia.

O termo Rus quedaba para denominar ao pobo ruso, á lingua rusa e á Igrexa rusa, pero nunca ás institucións do Estado.

Se Moscova fora a capital da Rus, a nova capital fundada por Pedro I, San Petersburgo, seríao da Rossiya, como centro político e administrativo dun imperio multiétnico que ía do Báltico ao Pacífico.

Así, un dos grandes reproches que o actual Goberno ruso lle fai ao réxime bolxevique, nacido da revolución de 1917, é que incluíse as provincias da Nova Rossiya dentro da recén creada República Socialista Soviética de Ucraína. A adición a Ucraína de Crimea por parte de Khrushev veu completar esa desmembración de Rusia, cousa que naqueles tempos non tiña maior importancia, pois ambas as repúblicas formaban parte da Unión Soviética.

Co tratado de Belovezha e a disolución da Unión Soviética, unha parte importante da Rus (máis de once millóns de persoas en Ucraína) quedaba fóra das fronteiras da Rossiya. Estes feitos consumados resultaron difíciles de dixerir para os novos gobernantes que, con Vladimir Putin á cabeza, trataban de rexenerar a Rusia e devolvela ao concerto das grandes nacións e, ante a ausencia de fronteiras naturais, convertéronse nunha ameaza existencial coa ampliación da Otan cara o leste, cousa que xa tratamos noutros artigos, e que, xunto cos motivos históricos que acabamos de apuntar, constitúe outra das causas desta guerra.


 

Comentarios