Opinión

Que foi da guerra de Ucraína?

A pesar de que os soldados ucraínos e rusos seguen morrendo nos campos de batalla, desde o punto de vista mediático a guerra de Ucraína rematou o pasado 7 de outubro, cando os comandos de Hamás tomaron ao asalto varias localidades do sur de Israel. A partir dese momento Zelensky deixou de ser a vedette das televisións e parlamentos occidentais. Mesmo quixo viaxar a Israel para amosarlles o seu apoio, como xa fixeran seus mentores occidentais, pero foi rexeitado. 

Acostumado a grandes recibimentos, o desplante israelita debeu doerlle, sendo el mesmo xudeu. Seica tampouco lle gustaron demasiado as declaracións que, días máis tarde, fixo o xeneral Zaluzhny á prestixiosa revista The Economist. Nesa entrevista, o xefe do Exército ucraíno manifestaba que a guerra entrara nunha fase de ‘guerra de posicións’, similar ao acontecido durante a Primeira Guerra Mundial. Estaba recoñecendo que a tan ansiada ofensiva, na que Occidente puxera todas as súas esperanzas, non lograra romper as liñas defensivas rusas, e que as grandes perdas de material e homes, que se calculan en 125.000 baixas para os seis meses de ofensiva, só serviran para conquistar a aldea de Robotino. A estratexia rusa de fortificarse na ourela esquerda do Dnieper parece estar dando resultado.

Nestas circunstancias, xa hai quen fala de ruído de sables en Ucraína, e atribúe a esas disputas polo poder a estraña morte accidental do maior Chastyakov, axudante de Zaluzhny, o cese de Tetiana Ostaschenko, comandante das forzas médicas, e mesmo o envelenamento da dona de Kirilo Budanov, xefe da intelixencia militar.

O que parece claro é que a axuda dos países occidentais non vai poder manterse, polo menos coa mesma intensidade que ata agora. Á perda da maioría, por parte dos demócratas, na Cámara de Representantes norteamericana, hai que engadirlle a necesidade de axudar ao aliado israelita, e tamén manter á raia a China na fronte de Asia-Pacífico, que é a verdadeiramente importante para os Estados Unidos desde o punto de vista xeopolítico.

Pola parte europea, o propio Charles Michel recoñecía, o pasado 30 de novembro, que a UE non ía poder cumprir os seus compromisos de subministrar un millón de proxectís de artillería a Ucraína.

Ás liñas de defensa rusas hai que engadir a súa superioridade aérea e en drons, así como unha maior capacidade de subministro da inxente cantidade de munición que se consume nas frontes, que supera con creces as capacidades occidentais de produción.

Pola súa parte, Rusia está a recuperar a iniciativa no resto de frontes, destacando os avances na de Bakhmut, a captura de Marinka o pasado 1 de decembro, e o embolsamento de Avdiikvka. A captura desta última cidade, xunto coa de Marinka suporía a caída total da liña fortificada que os ucraínos construíran, xa antes da guerra, e desde a que bombardean a cidade de Donetsk.

Ás perdas humanas no campo de batalla hai que engadir as dificultades que está atopando o Exército ucraíno para recrutar novos soldados, sendo a idade media dos combatentes duns corenta anos, e véndose cada vez máis mulleres mas trincheiras. 

Nestas circunstancias, os expertos europeos aconsellan a Ucraína que abandone momentaneamente a ofensiva e se centre en construír un sistema de defensa eficaz que resista os embates rusos. Tamén o centro de investigación estadounidense Carnegie Endowment for International Peace concluíu que se o Goberno de Zelensky non mellora a fortificación das súas defensas e a mobilización e o adestramento das súas tropas, «o ano que vén pode converterse nun punto de inflexión, tras o cal Ucraína estará cada vez máis en desvantaxe».

Nesta situación, as declaracións de David Arajamia, un dos negociadores ucraínos que participaron nas conversas de paz con Rusia na primavera de 2022, reveláronnos que estas non prosperaron debido ao rexeitamento por parte de Kiev a un estatus de neutralidade para Ucraína que lle impedise unirse á Otan, así como á presión do entón premier británico Boris Johnson. Agora, milleiros de mortos despois, Ucraína non pode nin mesmo soñar con lograr esas mesmas condicións. 

Como esas longas series televisivas, esta da guerra de Ucraína acabou por aburrirnos, e cambiamos á máis entretida, que algúns chaman ‘de Sucot’, entre israelitas e palestinos. Queda por ver canto tempo a aguantarán seus produtores de manterse esta ínfima cota de pantalla. 


 

Comentarios