Opinión

Proxectís de uranio empobrecido

O pasado 24 de marzo cumpríronse 24 anos do comezo dos bombardeos da Otan sobre Serbia e Montenegro, que duraron tres meses, destruíron infraestruturas e mataron máis de 2.500 persoas, incluídos 87 nenos.

Á miña veciña Pilarita, xunto cos seus fillos, tróuxoa repatriada a embaixada de España e, cando volveron a Belgrado, prome-
tinlle a seu fillo ir facerlles unha visita. 

Así, dous anos máis tarde collín a mochila disposto a percorrer a antiga Iugoslavia. Farco, o fillo de Pilar, acompañoume os dous primeiros días e, á parte de mostrarme monumentos, paisaxes e gastronomía, tamén me levou a ver os escenarios da guerra. Os ‘edificios bem bombardeados’, como dicía un brasileiro co que, anos atrás, coincidira no Líbano.

O primeiro día fomos ver o Parlamento, recentemente asaltado e queimado, así como os principais edificios que sufriran o impacto das bombas. Entre eles estaba o cuartel xeral do Exército, no mesmo centro de Belgrado. Para facernos unha idea, sería como se tivesen bombardeado a Delegación de Facenda na rúa da Raíña en Lugo.

Tamén visitamos a sede da Liga dos Comunistas de Iugoslavia e, a seu carón, a embaixada chinesa, que tamén sufrira un impacto deses que chaman ‘danos colaterais’. Hoxe, penso que non se atreverían a facelo, por moi colateral que fose.

O día seguinte fomos cara Voivodina, onde Farco pasara a súa infancia, e puidemos contemplar, entre outras cousas, as pontes destruídas sobre o Danubio en Novi Sad. Esta vez tratábase de infraestruturas civís, a case 500 quilómetros de Kosovo, que era o territorio, a lo menos sobre o papel, a protexer.

Porque o ataque militar lanzouse en base á afirmación dos países occidentais de que as autoridades locais estaban levando a cabo unha limpeza étnica en Kosovo, causando unha catástrofe humanitaria. Igual que no caso das armas de destrución masiva de Irak, esta afirmación demostrouse completamente falsa, pero a guerra fíxose igual.

O que non sabía eu era que para os bombardeos se usaran proxectís de uranio empobrecido, tan de moda actualmente despois de que o Reino Unido acordara subministrar ao Exército ucraíno munición deste tipo, que seica ten unha maior capacidade para atravesar blindaxes que os proxectís convencionais.

A día de hoxe, os médicos serbios aínda descoñecen o verdadeiro alcance do uso dese uranio, pero estiman que unhas 30.000 persoas contraeron cancro durante os dez anos seguintes aos bombardeos, dos que uns 18.000 morreron.

Recentemente, un xornal italiano citaba extractos dunha orde de novembro de 1999 para os destacamentos da Otan que entraban no Kosovo ocupado, na que se estipulaba que non estaba permitido tocar coas mans equipos que fosen danados 
por proxectís de uranio empobrecido e que había que levar máscaras para examinalos, ou para permanecer a menos de 500 metros deles. Tamén se aconsellaba non beber auga das zonas bombardeadas.

Estes proxectís, que non son armas nucleares, utilizáronse por primeira vez na Primeira Guerra do Golfo, e con profusión na Segunda, incrementando notablemente os casos de cancro en Iraq. Seu impacto provoca un polvo tóxico e lixeiramente radioactivo que pode provocar cancro e outros efectos nocivos para a saúde, segundo se desprende do Informe 2022 do programa da Onu para o medio ambiente.

Se temos en conta que a guerra de Ucraína está circunscrita ás súas fronteiras recoñecidas, utilizar este tipo de munición, aínda que sexa para rebentar blindados rusos, vai deixar a contaminación na casa, no propio territorio que o Goberno ucraíno aspira a liberar, e no que viven os seus nacionais. Se os rusos se animasen a utilizalos, tamén o farán nun territorio ucraíno, seica non o suficientemente contaminado por Chernóbil.

Todo isto viría a confirmar que, nesta guerra entre a Otan e Rusia, Ucraína pon o campo de batalla e máis os mortos, actuais e futuros.

Comentarios