Opinión

O pesadelo de Brzezinski

Zbigniew Brzezinski foi un politólogo estadounidense de orixe polaca, que combinou a actividade académica co exercicio da política activa, chegando a ser conselleiro de Seguridade Nacional do presidente Jimmy Carter. 

Acérrimo antisoviético, desde a Comisión Trilateral coordinou os esforzos para a vitoria dos países capitalistas na Guerra Fría e o illamento da Unión Soviética. Así, xunto a Henry Kissinger, propiciou o achegamento á República Popular China e o seu recoñecemento, co fin de afastala da URSS.

Como afirma Duguin, Brzezinski era un firme seguidor dos postulados de Mackinder, en canto a que o dominio de Eurasia (o corazón do mundo) levaría ao dominio do mundo; e para logralo había que actuar en dúas direccións: o achegamento a China, que acabamos de mencionar, e o desmembramento e cerco da URSS, sendo el o principal instigador de armar aos muxaidines afganos para provocar a intervención da URSS e brindarlles aos soviéticos o seu particular Vietnam. Máis adiante recoñecería que iso fomentou o terrorismo islamita, pero que mereceu a pena, pois serviu para derrotar ao comunismo.

Unha vez desmembrada a Unión Soviética, Brzezinski persistiu nos seus planes, pois Rusia continuaba a ser un país demasiado grande. Seguindo os seus postulados, iniciouse o «cerco de Rusia» coa extensión da Otan cara o leste de Europa. Segundo expoñía nos seus artigos en Foreign Affairs, a mellor maneira de acurralar militarmente a Rusia era desestabilizando as súas rexións fronteirizas.

Brzezinski morreu en 2017, con 89 anos, pero aínda lle deu tempo a ver como as súas propostas eran levadas á práctica polas administracións demócratas, especialmente a desestabilización de Ucraína a través das sucesivas Revolución Laranxa de 2005 e o Maidan de 2014, precursoras do actual conflito.

Non todo o mundo estaba de acordo, e o propio George Kennan afirmaría que a decisión de Bill Clinton de estender a Otan ata as fronteiras de Rusia fora o «erro máis fatídico da política estadounidense en toda a era posterior á Guerra Fría».
Tampouco Brzezinski as tiña todas consigo. Esta política de cerco a Rusia estaba condenada ao fracaso se se chegaba a dar a unión de forzas dos dous xigantes euroasiáticos: Rusia e China. Así o expón no seu libro ‘The Grand Chessboard’, e esta eventualidade coñécese en xeopolítica co nome de «o pesadelo de Brzezinski».

Esta circunstancia parecía non preocupar aos políticos estadounidenses, así, como indica Augusto Zamora, en 2008 Condolezza 
Rice afirmou que «Rusia ía cara á irrelevancia política», e consideraba a China «un inmenso mercado para as empresas estadounidenses».
Como todos sabemos, nesta última década, China converteuse nun xigante tecnolóxico, industrial e militar, superando en PIB aos Estados Unidos.
Pola outra banda, as sancións que se impuxeron a Rusia en 2014, despois da ocupación de Crimea, favoreceron a independencia alimentaria deste inmenso país, pasando de ser importador a exportador de alimentos, exportándolle precisamente a China.

A recente guerra de Ucraína contribuíu a propiciar o achegamento de Rusia e China e, ao gasoduto Forza de Siberia I, engadimos agora o II. Rusia segue a exportar gas a Europa (menos e máis caro) e incrementou as súas exportacións de gas e petróleo a India e China, cun elemento engadido, que é a non utilización do dólar nas transaccións, co prexuízo que esta incipiente desdolarización do comercio mundial pode chegar a supoñer para a economía estadounidense.

Neste contexto, a recente visita do presidente chinés, Xi Jiping, a Moscova para asinar un acordo de cooperación estratéxica vén confirmar que o pesadelo de Brzezinski está empezando a ser unha realidade. E para complicar aínda máis as cousas, un aliado estratéxico dos Estados Unidos, como viña sendo Arabia Saudita, acaba de restablecer relacións diplomáticas con dous aliados de Rusia, como son Siria e Irán, actuando como mediador, precisamente, China.

Comentarios