Opinión

Os novos incunables

Sabedora do meu gusto polos libros antigos, unha amiga comentoume que na biblioteca da súa casa familiar había varios incunables. O caso é que, unha vez precisado o alcance e significado dese termo, resultou que non eran tan incunables, aínda que si valiosos libros de notable antigüidade, que non é pouco.

Chamamos incunables a aqueles libros editados cando a imprenta aínda estaba no berce. Máis concretamente, denominamos como tales a todos os impresos antes de 1.501. Ata 1.520, ou mesmo 1.540, segundo os autores, considéranse post-incunables. 

Para América as datas tenden a alongarse, xa que a imprenta non chegou a México ata 1.534, polo que os incunables americanos demóranse ata 1.600, ou 1.619 no caso dos impresos no Perú.

Que un libro sexa catalogado como incunable dálle un gran valor económico que, na maior parte dos casos supera con creces ao seu valor intrínseco como soporte para a transmisión do coñecemento e da cultura.

Ese valor intrínseco de todo libro, incunable ou non, está a piques de arruinarse e perverterse nesta época da corrección política e da postverdade que nos está tocando vivir. Continuamente estamos lendo na prensa como as novas edicións de tal ou cal autor van saír revisadas de acordo ás novas sensibilidades, procurando non ofender a tal ou cal colectivo. E aínda menos mal, porque esas obras, aínda que salvaxemente mutiladas, son consideradas salvables; pero a outras, e tamén aos seus autores, pretenderán cancelalos para sempre.

Estes días os xornais falan de suavizar a Roald Dahl, e mesmo din que a Obelix lle van a quitar os xabariños porque a súa inxesta ofende aos veganos. Teño curiosidade por ver como xustifican a saudable gordura de Obelix a base dunha dieta vexetariana. 

O caso é que, tal e como se están a poñer as cousas, xa non nos podemos fiar das novas edicións dos libros clásicos, e moito menos das edicións dixitais, porque nunca estaremos seguros de se o que lemos coincide co que escribiron os seus autores.

Se queremos estar seguros de ler os libros orixinais, non nos vai quedar máis remedio que acudir ás librerías de vello e desbotar todas as edicións, digamos que, posteriores ao ano 2.000. Ao revés que pasa cos incunables, para os Estados Unidos e Canadá hai que anticipar un pouco esta data e levala, digamos, aos anos oitenta do século pasado. Neste último caso, resultaría poético convir 1984 como o ano de ruptura.

Estes libros vellos están a se converter nos novos incunables. Cando os teñamos na man poderemos estar seguros que o que lemos nas súas paxinas coincide exactamente co que seu autor nos quixo transmitir e gozar así plenamente da súa lectura. 

O noso gozo será aínda máis grande cando o autor, ou a obra, figuren nas listas de cancelados, ou mesmo prohibidos, que a todo se pode chegar.

Hai anos lin unha entrevista co profesor Xosé Ramón Barreiro, que en paz descanse, na que dicía que, ante os reproches da súa dona por comprar tantos libros antigos, el adoitaba xustificarse co argumento de que os libros eran un investimento. E penso que non se equivocaba, como seguramente tampouco se equivocarán os que empecen a investir en edicións antigas de Tintin, da Lolita de Nabokov , de Asterix, ou mesmo da Biblia.

Mesmo, para posibilitar as novas edicións, pode xurdir un nicho de negocio. Igual que noutros sectores hai empresas de certificación, tamén para os libros nos poden certificar que, por exemplo, «non ofende a afromexicanos swahili falantes» ou que o libro é reprodución fiel do escrito polo autor. En todo caso, ante a dúbida, eu prefiro quedarme coas edicións antigas, cos novos incunables.

Comentarios