Opinión

Nós e Vox

Non lembro se foi despois das eleccións autonómicas ou das estatais cando, en vista dos irrisorios resultados obtidos por Vox en Galicia, en comparación cos do resto do Estado, unha compañeira me mandou un meme, consistente nun mapa no que rezaba ‘Nós’ por riba de Galicia e ‘Vox’ no resto do Estado.

Eu aproveitei para metela nun apuro. Como son desa parte de Galicia que os liberais decimonónicos incluíron na provincia de León, finxín enfadarme pola súa insinuación. 

Era unha broma pero, aínda así, sempre é preferible que te identifiquen con Vox que cos Titos Bernis de turno. Eles, de momento, aínda case non tocaron poder. E, no que a Galicia se refire, van a ter complicado tocalo se seguen tan mal informados como ata agora. 

En Galicia causa, ou debería causar, hilaridade escoitar a políticos madrileños ou amadrileñados, non só de Vox, senón tamén doutros partidos, queixarse pola imposición do galego e a marxinación do castelán. Se a fonte de información da que beben é o colectivo mal chamado ‘Galicia Bilingüe’ e a xente de Gloria Lago, van aviados.

Aí están os números para demostrar como a nosa lingua perde falantes cada día que pasa e a administración, máis que impoñer o galego, limítase a aplicarlle coidados paliativos.

Na magnífica versión que Páramo Pictures fixo de Bohemian Rhapsody de Queen, quizais lles faltou por incluír, xunto a Unión Fenosa e Caixa Galicia, entre as cousas que «o neno dos Peares escarallou «, tamén á lingua galega na escola, a través do glorioso ‘decreto para o plurilingüismo’.

É por iso que non deixa de sorprender a recente esixencia de Vox para que a Xunta poña fin á campaña ‘21 días en galego’, porque ‘arrincona al español en las aulas’.

O pasado curso convocáronme a unha charla por ver se quería participar nesa campaña. Cando os responsables empezaron a falar de presentar memorias e outras burocracias varias, empecei a pensar en como escaquearme da reunión á primeira oportunidade. 

A burocracia non casa co meu natural libertario e, por outra banda, xa pasaron os meus anos de compromiso militante coa lingua. Lonxe quedan aqueles tempos da Mesa pola Defensa do Galego no Bierzo, de Fala Ceibe, de promover a cooficialidade, das letras de Sarmiento en Vilafranca do Bierzo, e mesmo daquel ‘defensor da lingua’ que me rubricou Ferrín na dedicatoria de ‘No ventre do silencio’. Agora a lingua é tan só un arma para a vida cotiá, as clases e os artigos de prensa. 

Nesta tesitura, apuntarme a ‘21 días en galego’ parecíame, canto menos, unha redundancia. Afortunadamente, outros compañeiros non pensaban igual ca min e a campaña levouse a cabo. 

Tanto nesta, como noutras campañas que leva a cabo a administración educativa, non se avalían os resultados, non vaia a ser que alguén perda a súa sinecura. 

A falta de avaliación oficial, a miña impresión particular é que foron máis ben pobres, senón nulos, e non pola falta de empeño que puideran poñer os profesores implicados, senón pola propia dinámica social. 

Nin coidados paliativos, como dicíamos antes. Máis ben cosméticos, que nin mesmo chegan ao ‘axudarlle ao galego a morrer con dignidade’ como dicía Isaac Díaz Pardo.

Non sei se esta información que estou dando servirá para tranquilizar a Vox que, como as outras cores do espectro político, están demostrando ser máis xacobinos que de dereitas e empéñanse en darlle a razón ao profesor Miguel Anxo Bastos cando di que a auténtica dereita é o carlismo. Ser conservador significa, ou debería significar, precisamente querer conservar as tradicións; e a lingua e a cultura propias forman parte inseparable delas.

Non me atrevo a vaticinar futuros resultados electorais de Vox en Galicia, pero o que si teño claro e que nós cada vez somos menos Nós, e a culpa non é de Vox.

Comentarios