Opinión

Miña amiga David

Circula polas redes sociais un vídeo de Tik Tok, no que unha suposta avogada recoméndanos a todos os homes que, aproveitando a nova ‘lei trans’, nos declaremos mulleres, para así obter as vantaxes de ser muller e para, tamén, volver a ser todos, mulleres e mulleres, iguais ante a lei.

A pesar de que o argumento xurídico é sólido e convincente, nun principio non pensaba facerlle moito caso, máis que nada pola preguiza que me dan a burocracias. Aínda así non desboto chegar a sentir esa metamorfose, sobre todo despois de escoitar as razóns duns cantos amigos.

Quen me abriu os ollos foi David, chamémoslle así. El, cincuentón e barbado, é interino, supoñamos que na Xunta, e ten que concorrer ás oposicións. Mentres ceabamos, explicounos que estaba barallando facelo para beneficiarse das vantaxes que teñen as mulleres na oposición. O único que o botaba para atrás era que súa filla prometera retirarlle a palabra se o facía. Con todo, o cambio seica pode ser revertido en seis meses e a pequena non ten por que sabelo. 

O día seguinte tomei café con, digamos, Antón, opositor á Garda Civil, quen me contou a mesma leria. Seica as mulleres entran con menos nota. 

Non acabara de saír do meu asombro ao ver como tanta xente se viña arriba cando, a propia presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, deixa caer que algún dos seus conselleiros podería cambiar de xénero para cumprir coa inminente ‘lei da paridade’. Vindo da boca dos nosos ilustres dirixentes, iso xa son palabras maiores. 

Tamén a coñecida (antes o coñecido) youtuber, Roma Gallardo, acaba de enumerarnos a cantidade de vantaxes que vai ter por mor da súa reasignación de xénero.

Con todo, sempre hai xente que quere ir, como Buzz Lightyear, ata o infinito e máis aló. Noutra conversa, unha amiga especulaba, non sei se de risas ou veras, coa posibilidade de que as leis cheguen a superar o transxenerismo e cheguemos a recoñecer o transespecismo. Non estaría mal que, cando chegues a vello, podas ser recoñecido como can, para que non te poidan deixar só e abandonado, ou como rata, para que valla máis a túa vida que a dunha persoa.

Chegados a este punto, estaba eu xa, cal pokemon, convencido de que evolucionar a muller era sempre o mellor do mundo mundial, cando un compañeiro veu a desenganarme. Había, e aínda hai, polo menos, un caso no que é máis favorable ser home. 

Parece que a Constitución, que non debe ser tan doada de modificar, conserva un arcaísmo, un caso no que o home ten algunha vantaxe sobre a muller. E non é outro que a sucesión á coroa. Así, se a infanta Sofía muda a infante, pasaríalle por diante á súa irmá e sería o futuro rei. Con todo, Leonor podería imitala e restableceríase así a orde natural das cousas. 

Despois de todo non sería o primeiro caso na familia real. Seguramente o tito Urdangarín tivo que facelo, senón non se explica que cumprise cadea nun cárcere de mulleres.

O que non teño tan claro, tanto desde o punto de vista xurídico como dos feitos consumados, é que pasaría se a duquesa de Lugo se cambiase a home. Podería chimparlle a coroa a seu irmán? Porque, de poder facelo, cobraría pleno sentido ese movemento lúdico-político que tivo a súa orixe, hai xa uns anos, precisamente en Lugo, promovido polo Partido Froilanista. 

Comentarios