Opinión

A irrelevancia de Europa I

As sorprendentes declaracións do presidente francés, Emmanuel Macron, despois da súa visita a China, en compañía da presidenta da Comisión Europea, nas que manifesta que «Europa debe reducir a súa dependencia dos Estados Unidos», ou que «a Unión Europea non debe aliñarse con Washington na súa confrontación con Pekín», poden marcar un antes e un despois no recente seguidismo europeo das políticas estadounidenses, pero non van a cambiar a posición de Europa non ránking da xeopolítica mundial, cada vez máis, camiño da absoluta irrelevancia.

Nas relacións internacionais todos os xestos contan, como di o profesor da universidade Alfonso X el Sabio, Baba Amedh Mulay. Así, puidemos ver como recibía Putin a Macron nos días previos ao inicio da guerra en Ucraína, separados ambos os dous por unha longuísima mesa. Esa imaxe acaba de repetirse en Pekín, coa diferencia de tratarse dunha mesa circular de diámetro esaxerado, por ser tres os interlocutores. Por riba, Xi Ji Ping fixo sentarse á presidenta da Comisión, e máis ao presidente francés, en incómodas cadeiras de oficina que lles forzaban a dobrar os xeonllos dun xeito pouco ergonómico. Nin que dicir ten que facer pasar á todopoderosa presidenta da Comisión polo control ordinario de pasaportes para abandonar o país, ao non ser diplomática nin xefa de Estado, non deixa de ser unha humillación. Como tamén o foi que ao presidente Macron se lle mandase sacar a man do peto para a foto co presidente chinés.

Macrón xa debe estar acostumándose a eses desprezos, sobre todo despois do chorreo que lle botou o presidente do Congo, cara a cara, o mes pasado, cando lle dixo «mírenos doutra maneira, respectándonos, considerándonos como verdadeiros socios e non sempre cunha mirada paternalista, coa idea de saber sempre o que nos fai falta»; ou o do presidente de Namibia ao embaixador alemán, cando este lle recriminaba a excesiva presencia de chineses no país. As antigas colonias xa non obedecen ás antigas potencias e ata se atreven a botar fóra tropas e embaixadores. Non hai máis que ver a expulsión de Francia do Sahel, co peche en falso da operación Barkhane a finais do ano pasado, e a súa substitución polos mercenarios de Wagner, ou sexa, de Rusia, país que, xunto con China, está estendendo a súa influencia ao longo do continente africano.

Dentro do propio partido de goberno temos á exministra María Antonia Trujillo reclamando, día si e día tamén, a entrega de Ceuta e Melilla a Marrocos 

O presidente de Uganda, Yoweri Museveni, resumiu este sentir africano opinando que os políticos europeos eran «insufribles» e que «cren que o saben todo, pero están tan equivocados, e exhiben a súa ignorancia alá onde van».

O antigo protectorado de Marrocos vai máis lonxe, se cabe, cun dos seus antigos «protectores». Non sabemos aínda cal pode ser a información que conseguiu o reino alauita coa espionaxe a través do sistema Pegasus, nin o alcance dos seus subornos a eurodeputados, pero o caso é que España cambiou radicalmente a súa postura sobre o Sahara, ata o punto de enfrontarse con Alxeria, seu principal subministrador de gas, poñendo en perigo o propio subministro. 

Dentro do propio partido de goberno temos á exministra María Antonia Trujillo reclamando, día si e día tamén, a entrega de Ceuta e Melilla a Marrocos, e o presidente do senado marroquí acaba de pedir aos seus emigrantes con nacionalidade española, que participen na vida política para así influír en favor do reino de Marrocos. Como se di vulgarmente, «xa non se cortan».

Dicía o tamén exministro López Aguilar que, ás veces, un ten que tragar sapos, e tragáronse, como nos mostra o profesor Baba Amedh Mulay a través da súa análise dos símbolos. A presencia da estatua de Tarik, o conquistador da península no século VIII, na reunión de Pedro Sánchez co ministro marroquí de exteriores é premonitoria da colocación da bandeira de España, co escudo ao revés, no banquete de Iftar co rei de Marrocos. Segundo o citado politólogo, iso significaba historicamente que a praza xa estaba rendida ao inimigo.

Comentarios